O Concello de Monforte ilumina de cor “verde esperanza” a Torre da Homenaxe para recoñecer o traballo dos traballadores esenciais, en especial ó persoal sanitario

Monforte de Lemos, 3 de abril de 2020. O Concello de Monforte iluminou na noite de hoxe de cor verde esperanza a Torre da Homenaxe, un dos edificios máis emblemáticos e visibles da cidade do Cabe.

O obxectivo é recoñecer e agradecer a encomiable labor e o enorme esforzo que día a día están a facer os traballadores e traballadoras dos servizos esenciais, establecidos polo estado de alarma motivado pola pandemia do COVID-19. E en especial, é un xesto de apoio e recoñecemento á inestimable labor que está a desenvolver todo o persoal sanitario.

Deste xeito, dende o Equipo de Goberno quérese render así homenaxe a todas aquelas persoas que, dende os seus postos de traballo, están a loitar incansablemente para paliar os efectos do coronavirus na nosa sociedade.

Con este xesto, o Alcalde, José Tomé Roca, quere facer partícipes a todos os veciños e veciñas de Monforte “do noso agradecemento a toda esta xente que segue a traballar na loita común contra o COVID-19: en especial, o persoal sanitario, pero tamén os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, o sector primario, as diferentes Administracións e entidades públicas e privadas, así como tamén a todas aquelas empresas e persoas que de maneira altruísta están a colaborar nesta fronte común que é a loita mundial contra o coronavirus”.