Aberto o prazo para solicitar as axudas a libros e material escolar do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 2 de xuño de 2021. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo ven de publicar as bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2021/2022 do Concello de Monforte de Lemos.

Deste xeito, xa se poden solicitar as mesmas, para o cal os e as interesadas terán de prazo ata o martes 29 de xuño. A solicitude formalizarase a través do correspondente formulario normalizado, que terá que ir acompañado da documentación complementaria que requiren as bases. Toda a documentación requirida poderá ser presentada no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n, no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n, ou a través da Sede Electrónica municipal (www.sede.monfortedelemos.es).

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 20.000 euros, “que son 2.000 euros máis que o pasado ano, co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da Covid-19”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca.

Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2021/2022  en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.

Para ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes:

  • Ser pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a que no ano escolar da convocatoria correspondente vaian a cursar estudos nas etapas educativas de ensinanza indicadas nesta convocatoria, en calquera centro docente, público ou concertado, do Concello de Monforte de Lemos.
  • Que a renda per cápita da unidade familiar non supere o 55% IPREM para o ano 2021 (310,69€/mes) en cómputo anual (3.728,28€ ano por persoa). Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade  como a continuación se especifica:

Nº membros unidade familiar

Ingresos netos mensuais

Ingresos anuais

2

621,38

7.456,56

3

932,07

11.184,84

4

1.242,76

14.913,12

5

1.553,45

18. 641,4

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  • Que a persoa solicitante así como os e as menores beneficiarios da mesma, se atopen empadroados e residan efectivamente no Concello de Monforte de Lemos no momento de presentación da solicitude.
  • Que a persoa solicitante estea  ó día no pago das obrigas tributarias municipais ou no caso de ter débedas que exista compromiso de pagamento.
  • Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

A contía máxima das axudas é a seguinte:

  • 150 € para Educación Infantil por cada alumno/a.
  • 100 € para Educación Primaria e por cada alumno/a.
  • 120€ para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno/a.
  • 150€ para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65% .

BASES AXUDAS MATERIAL ESCOLAR E LIBROS DE TEXTO 2021-2022

Solicitude

Anexo I Certificado de matriculación

Anexo II Declaración responsable

Anexo III Declaración responsable CE e SFE