O Alcalde presenta o proxecto de realidade virtual aumentada que potenciará Monforte e o Camiño de Inverno

Monforte de Lemos, 27 de setembro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou na mañá de hoxe o Proxecto “Descobre Monforte no Camiño”, unha iniciativa promovida dende o Concello, “que vai permitir divulgar os nosos recursos históricos e artísticos, relacionados co patrimonio material e inmaterial do Camiño de Inverno en Monforte a través da Realidade Aumentada e en 3D, cunha nova forma de comunicarse, de interpretar a cultura, de vivir a cidade dun xeito divertido, inmersivo, pedagóxico e innovador”.

Na presentación desta nova ferramenta de promoción turística e cultural, que coincide coa conmemoración hoxe do Día Mundial do Turismo, o rexedor municipal estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e representantes da empresa que desenvolveu o proxecto, a empresa Xoia.

Este proxecto, contou cun orzamento de 27.261,60 €, dos que o Concello de Monforte aportou  o 55%, 14.993,88 €, sendo o resto aportado a través do Programa O Teu Xacobeo.

Monforte é a primeira cidade da provincia de Lugo que conta cunha APP destas características, e das poucas de Galicia en desenvolver un proxecto deste tipo.

 

Descobre Monforte no Camiño

O proxecto está baseado nunha aplicación para móbiles de Realidade Virtual Aumentada que se apoia nun itinerario con 7 localizacións de interese ubicadas ó longo da cidade de Monforte.

En cada unha das 7 localizacións instalouse unha peana interpretativa onde se pode visualizar, a través da interacción co teléfono móbil, elementos construtivos e escenas baseadas no pasado medieval da cidade e que están reconstruídas, en cada un dos recursos patrimoniais onde están situadas, a través da Realidade Aumentada.

“Esta ruta polos puntos máis emblemáticos de Monforte, permítenos coñecer a nosa historia medieval no contexto do Camiño de Santiago e a impronta dos Lemos na nosa Historia e no noso patrimonio” destacou o Alcalde.

Para poder utilizar a información que recollen estes paneis, o Concello desenvolveu unha aplicación (APP) que se pode instalar de xeito gratuíto nos teléfonos móbiles, a través dun código QR ubicado na parte inferior esquerda de cada peana, e que permitirá visualizar os contidos e recursos turísticos volcados en cada ubicación.

 

Funcionamento da APP móbil

A ruta en Realidade Aumentada representa unha nova forma, inmersiva e interactiva, de descubrir a cidade pois esta tecnoloxía, transforma o mundo real, coma se dun portal no tempo tratásese, para que a través dunha peana interpretativa se poida botar unha ollada ó pasado para ver e interactuar, en lugar de imaxinar, coa nosa historia.

Isto é posible a través dunha app móbil,  coa que calquera monfortino ou turista poderá visitar sete puntos da cidade nos que, unha vez chegado á peana interpretativa, enfocando coa cámara do móbil, a realidade aumentada transformará esa peana nunha maqueta 3D, animada, interactiva e a escala que representa con veracidade a historia e evolución dos distintos elementos patrimoniais máis representativos da cidade.

“O narrador que nos acompañará en cada un destes puntos de interese será D. Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, e a súa narración será accesible para turistas estranxeiros ó poder gozala en 3 idiomas ou para persoas con discapacidade auditiva, ó contar con subtítulos” subliñou o rexedor monfortino.

Deste xeito, esta ruta en Realidade Aumentada representa unha nova forma, inmersiva e interactiva, de descubrir a nosa cidade desde os ollos do VII Conde de Lemos.

As peanas interpretativas ubícanse en:

  • Praza Doutor Goyanes, diante da Oficina do Peregrino: informa sobre a historia da Muralla e as Torres.
  • Ponte Vella, ubicada no descanso das escaleiras que baixan ao paseo fluvial a carón do río Cabe, por debaixo da rúa Hortas: explica a historia da Ponte Medieval.
  • Museo de Arte Sacro das Nais Clarisas, ubicada a carón da entrada de acceso: descubrirá ó visitante a historia do Convento e as obras que alberga o museo.
  • Porta da Alcazaba, situada na rúa Santo Domingo ó pé da porta: información sobre as Portas da cidade e acceso ó Monforte intramuros.
  • San Vicente do Pino, situada no lateral da igrexa no aparcamento: recreación do Conxunto de S. Vicente do Pino, a “Acrópole monfortina”.
  • Torre da Homenaxe, ubicada antes da entrada ó recinto da Torre: recreación histórica do seu interior e da magnitude visual do Val de Lemos.
  • Colexio Nosa Señora da Antiga,  á dereita das escaleiras que levan á praza da Compañía: nos descubrirá a grandiosidade dos Escolapios

Tras a presentación do funcionamento da APP, o Alcalde salientou que “dende hoxe, divulgaremos nos principais puntos turísticos da cidade este novo recurso turístico innovador, interactivo e educativo, que nos vai permitir ver, vivir e contar a nosa historia, mellorando así a experiencia do visitante”.

Do mesmo xeito, o rexedor anuncio que “dende o Concello estudaremos o desenvolvemento de sinerxías cos centros educativos da cidade e con outros colectivos para darlle vida a esta nova alternativa turístico-cultural, que dende hoxe está xa a disposición de monfortinos, turistas e visitantes”.

Este proxecto contribúe ademais a potenciar o Camiño de Inverno, e engádese ós recursos que están dispoñibles na Oficina de Atención o Peregrino, “que vimos de inaugurar neste mes de setembro”. Neste senso o Alcalde aproveitou para destacar os bos datos rexistrados nesta oficina e que se traducen en 383 visitas en 13 días, cunha media de 30 persoas diarias, das cales 72 foron peregrinos, un 20% do total.

“En resumo, esta experiencia, non é só unha aplicación ou unha ruta, si non unha nova forma de comunicarse, de interpretar a cultura, de vivir a cidade dun xeito divertido, inmersiva, pedagóxica e innovadora. Agardo que esta nova APP de recursos turísticos sexa unha peza máis que contribúa á difusión do noso rico patrimonio, e neste caso, que axude a coñecer o noso importante pasado medieval” concluíu o Alcalde.