O Concello, a Policía Nacional de Monforte e o CCU reúnense para poñer en marcha o “Plan Comercio Seguro”

Monforte de Lemos, 14 de decembro de 2021. O Concello de Monforte acolleu onte unha xuntanza con mandos policiais da Comisaría de Monforte e representantes do Centro Comercial Urbano (CCU) co obxecto de intercambiar información relativa a problemáticas e casuísticas delituosas, ó tempo de proporcionar consellos e recomendacións para o bo desenvolvemento da actividade comercial, dentro do “Plan Comercio Seguro” da Policía Nacional.

Por parte do Concello asistiu a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Consumo, Regina López, e o Inspector da Policía Local, Miguel Martínez.

Deste xeito, a Policía Nacional de Monforte de Lemos, seguindo as instrucións impartidas desde a Dirección Adxunta Operativa da Dirección Xeral da Policía, pon en funcionamento este “Plan Comercio Seguro” que data de 2013, e adquire carácter permanente desde 2017.

Este Plan ten por obxecto proporcionar unha contorna segura ó comercio, dada a proximidade das festas de Nadal nas que se verá incrementada a actividade comercial en toda España, e de xeito especial nas cidades, onde está despregada a Policía Nacional.

A tal fin, establecerase un Dispositivo para mellorar a prevención de feitos delectivos, dos que son vítimas os comerciantes e os seus potenciais clientes, sendo estes principalmente, furtos, roubos con violencia ou intimidación, roubos con forza e fraudes. Tamén se atenderá á prevención dos roubos mediante butróns.

O dispositivo policial posto en marcha con este Plan, comezou o pasado 26 de novembro e durará ata o próximo día 9 de xaneiro de 2022, aplicándose naqueles lugares onde a actividade comercial teña unha intensidade mais elevada: rúas do Cardeal, Comercio, Doutor Teixeiro, Roberto Baamonde, entre outras; e o polígono industrial do Reboredo e as naves industriais da rúa Chantada, fundamentalmente.

Dentro das actuacións que se levarán a cabo pola Comisaría Local de Monforte de Lemos, preténdese intensificar a presenza policial nas horas e zonas comerciais con maior afluencia de persoas, en vehículos e persoal uniformados como con funcionarios de paisano.

Así mesmo, destácase a actividade desenvolvida polo Delegado de Participación Cidadá, quen proseguirá mantendo contactos in situ cos responsables de todos os centros comerciais, especialmente onde se activa de forma importante a actividade comercial, ao obxecto de repartir trípticos informativos sobre o “Plan Comercio Seguro” e atender consultas e suxestións, non só de comerciantes senón tamén dos cidadáns.

Mediante este plan búscase unha interactuación con todos os actores implicados no desenvolvemento dun sector estratéxico como é o comercio, promovendo así, a corresponsabilidade de comerciantes, institucións públicas e privadas, dinamizando a actividade económica, social e cultural da cidade.