MANIFESTO 8 DE MARZO DE 2021, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

MANIFESTO 8 DE MARZO DE 2021, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, sérvenos para reflexionar sobre os avances conseguidos, esixir máis cambios e celebrar a coraxe e a determinación das mulleres de a pé que desempeñaron un papel fundamental na historia dos nosos países e comunidades.

O mundo avanzou sen precedentes na última década, pero ningún país acadou a igualdade de xénero real a día de hoxe.

Hai 50 anos que chegamos á lúa, na última década descubrimos novos antepasados humanos e ata fotografamos un buraco negro por primeira vez. Mentres tanto, no mundo hai restricións legais que impiden que 2.700 millóns de mulleres accedan ás mesmas opcións de traballo que os homes. Menos do 25% das persoas parlamentarias eran mulleres en 2019 e unha de cada tres mulleres no mundo segue a sufrir violencia de xénero. Isto non é igualdade.

Neste 2021, como non podería ser doutra maneira, o tema da ONU Mulleres para a conmemoración desta data é “Mulleres líderes: Por un futuro igual no mundo da Covid-19”. O tema celebra os enormes esforzos feitos por mulleres e nenas de todo o mundo para forxarse un futuro máis igualitario neste contexto. 

Como se ten demostrado, as mulleres están na primeira liña da crise da Covid-19 ben como traballadoras da saúde, ben como coidadoras, educadoras e/ou organizadoras comunitarias. Tamén se encontran entre os e as líderes nacionais máis exemplares e eficaces na loita contra esta pandemia.

Esta crise puxo de manifesto tanto a importancia fundamental das achegas das mulleres, como as cargas desproporcionadas que soportamos. Nestes tempos que estamos vivir, onde temos visto como os recursos escasean e a capacidade institucional é limitada, as mulleres e as nenas enfrontámonos a un aumento da violencia, a máis traballos de coidados non remunerados e a maiores taxas de paro e de pobreza con consecuencias de gran alcance. Os progresos obtidos nos dereitos das mulleres tamén están ameazados. Isto non é igualdade.

Xa antes da chegada da Covid, os coidados de persoas dependentes e as tarefas do fogar, continuaban a ser asumidos maioritariamente por mulleres. A pandemia aumentou estes traballos non remunerados xa que as nenas e nenos quedaron sen escola e as persoas maiores precisaron aínda máis atención e acompañamento. Isto non é igualdade.

No ano 2018, o salario anual máis frecuente nas mulleres (15.484,4 euros) representou o 83,8% do salario máis frecuente nos homes (18.470,8 euros). No 2018 as mulleres españolas traballabamos gratis desde o 10 de novembro ata o final do ano. En 2019 desde o 7 de novembro. E no 2020 traballamos gratis, con respecto aos homes, desde o 11 de novembro, é dicir, traballamos 51 días gratis ao ano como consecuencia da fenda salarial. Isto non é igualdade.

A diario, recibimos miles de estímulos procedentes da publicidade e dos medios de comunicación, así como de series, películas, obras de teatro e expresións artísticas varias que son sistematicamente sexistas, dando unha imaxe pouco realista e estereotipada das nenas e mulleres. Isto non é igualdade.

1 de cada 2 mulleres (57,3%) residentes en España de 16 ou máis anos sufriu violencia ao longo da súa vida polo feito de ser muller. Supoñen 11.688.411 mulleres. 1 de cada 5 (19,8%) sufriuna nos últimos 12 meses. Isto non é igualdade.

No tráfico de persoas con fins sexuais, a maioría das vítimas son mulleres adultas (49%), seguidas das nenas, que representan o 23%. En España, no 2018 detectaron un total de 128 vítimas rexistradas de tráfico para explotación sexual, máis todas as que quedaron sen coñecer. Isto non é igualdade.

A igualdade é un mundo no que nenas, mozas e mulleres adultas así como nenos, mozos e homes adultos podamos ser libres e gozar das mesmas oportunidades, dereitos e recursos. Porque a igualdade de xénero é un dereito fundamental para acadar sociedades pacíficas, democráticas e equitativas.

A igualdade é a corresponsabilidade nos coidados e tarefas do fogar.

A igualdade é ter as mesmas oportunidades.

A igualdade é a linguaxe e a publicidade non sexista.

A igualdade é a equidade salarial.

A igualdade é a liberdade sexual e reprodutiva.

A igualdade é relacións afectivas de igualdade e respecto mutuo.

A igualdade é a sororidade.

A igualdade é o Feminismo.