O Alcalde anuncia a renovación de 3.880 colectores e cubos de lixo na cidade e nas parroquias de Monforte

Monforte de Lemos, 2 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a posta en marcha, dende mañá mércores 3 de febreiro, dun plan que suporá a renovación de colectores e cubos de recollida de lixo ó longo de todo o municipio, tanto na zona urbana como nas parroquias.

O desenvolvemento deste plan é froito das negociacións do Alcalde, José Tomé Roca, coa empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio. Entre as melloras acadadas trala negociación, a empresa concesionaria levará a cabo o desenvolvemento dun plan que suporá a instalación en toda a cidade de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cunha inversión total de case 299.000 euros.

A este plan de renovación de colectores engádese o xa iniciado o pasado luns para a renovación de 297 papeleiras na cidade, que é outra das actuacións de mellora ofrecidas pola empresa FFC Medio Ambiente, tras a negociación co Alcalde e a posterior renovación do contrato co Concello.

 “Esta actuación”, resalta o Alcalde, “terá unha gran importancia para a mellora xeral do aspecto urbano do municipio e para a recollida de lixo, xa que as actuacións que imos poñer en marcha suporán a instalación en toda a cidade, así como nas parroquias do Concello, de 3.630 novos cubos e colectores de lixo, destinados á recollida da fracción resto, e 250 unidades para a recollida selectiva de residuos, cun total de 3.880 colectores e cubos novos”.

A inversión total para desenvolver esta importante renovación dos diferentes elementos de contenerización e recollida de lixo da cidade, nos que se inclúen tanto colectores destinados á recollida da fracción resto como os empregados para a recollida selectiva, é de case 299.000 euros (298.817,59 €).

O plan anunciado polo Alcalde suporá unha mellora moi significativa da imaxe medioambiental da cidade, xa que supón a renovación de máis de 4.150 unidades dos diferentes elementos de recollida do lixo habilitados polo Concello, posto que dende o pasado luns 1 de febreiro, tamén se procedeu a iniciar a instalación de 297 papeleiras en toda a cidade.

 

Renovación de colectores para a recollida de fracción resto

O contrato establecido entre o Concello e FCC contemplou dende o seu inicio o novidoso sistema de recollida porta a porta, mediante “cubeo”, para a recollida da fracción resto na zona mais céntrica de Monforte, combinado coa recollida convencional mediante colectores de carga traseira na zona periurbana e rural do Concello.

Deste xeito, tras a posta en marcha deste plan o Concello renovará a totalidade dos colectores empregados para a recollida da fracción resto mediante cubeo, cun total de 2.375 unidades.

Ademais, tamén serán renovados todos os colectores destinados para a recollida de fracción resto mediante vehículos de carga traseira na zona periurbana, rural e tamén dos establecementos comerciais.

Neste caso, suporá a renovación de 575 colectores de 240 litros de capacidade, 650 colectores de 800 litros e 30 colectores de 1.100 litros.

A renovación dos colectores da fracción resto suporá a implantación de 3.630 unidades, cunha inversión total prevista de 190.152,59 euros.

 

Renovación de colectores para a recollida selectiva

Para a recollida selectiva, dende o Concello de Monforte apostouse por colectores de carga superior, mediante a implantación de “áreas de aportación ou de reciclaxe” nas que se sitúan os iglús para a recollida de envases, papel, cartón, vidro e pilas. Este tipo de colectores permiten unha recollida selectiva de calidade, con un nivel de impropios moi baixo.

Deste xeito, renovaranse 50 unidades de cada un destes 3 tipos de contedores (iglú amarelo de envases, verde para vidro, e azul para papel e cartón), cun total de 150 unidades, nas áreas de aportación máis utilizadas e nas que os colectores están máis deteriorados.

Nestas “áreas de aportación” tamén será renovadas un total de 50 unidades de sinalización vertical das mesmas, nos casos en que estas sofren deterioros.

Nas “áreas de aportación” existen tamén colectores para a recollida selectiva de pilas en proximidade, ademais dos postos a disposición dos diferentes establecementos comerciais da cidade. Neste senso, o Concello destinará 50 unidades de colectores de recollida  de pilas para ás “áreas de aportación” e outros 50 para entregar en establecementos comerciais.

En todos os casos, os colectores renovados que se atopen en bo estado de conservación poderán ser empregados para a implantación de novas áreas de aportación ou ben como reserva para cobertura de posibles roturas ou actos vandálicos.

A inversión destinada á renovación de colectores e áreas de recollida selectiva ascence a 108.665 euros, e renovaranse un total de 250 unidades de colectores así coma 50 unidades de sinalización vertical.

En resumo, a inversión total na renovación de colectores para a recollida de fracción resto e recollida selectiva é 298.817,59 €euros.

Prazos para a renovación de colectores de fracción resto e recollida selectiva

Os traballos de renovación está previsto que comecen nos vindeiros días, cunha duración estimada de 4 semanas.

Comezarase, en función da dispoñibilidade, pola renovación de tódolos colectores de carga traseira, por ser os que se atopan en peor estado de conservación. Iniciarase a renovación no ámbito periurbano, alternando con zonas de recollida rural no ámbito máis próximo á cidade de Monforte.

Posteriormente procederase á substitución dos colectores no ámbito rural, coincidindo cos días de recollida de cada zona, para poder facer a retirada dos colectores baleiros.

De forma paralela procederase a renovar os cubos de recollida porta a porta, que serán acondicionados para posteriormente incorporalos ó servicio nunha xornada.

Finalmente renovaranse as áreas de aportación, adecuando tamén os elementos de sinalización e colectores de pilas.