O Alcalde anuncia publicación da licitación do servizo integral de recollida e custodia de animais domésticos abandonados do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 8 de maio de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou a publicación na Plataforma de Contratos do Estado da licitación do servizo integral de recollida e custodia de animais domésticos abandonados dentro do termo municipal do Concello de Monforte.

O prezo de licitación deste servizo é de 20.328 euros, IVE engadido, e a duración do contrato será por un período de 2 anos. A oferta tamén inclúe a posibilidade de renovar o contrato co Concello dous anos máis (1+1), sendo a duración total máxima de 4 anos, incluídas as prórrogas sinaladas.

O prazo para a presentación de ofertas será de 15 días naturais dende a súa publicación na Plataforma de Contratos do Estado, polo que o prazo rematará o luns 24 de maio ás 14:00 horas. O concurso estará aberto á participación de todas aquelas empresas que cumpran os requisitos establecidos nos pregos de prescricións técnicas e administrativas establecidos para dito proxecto.

O Alcalde destaca que “o obxectivo coa posta en marcha deste servizo dende o Concello, é retirar de maneira eficaz e de xeito periódico aqueles animais domésticos, especialmente cans que se atopen vagando polas rúas do Concello, e que sexa feito por persoal cualificado no manexo e coidado dos mesmos, a fin de garantir as condicións de saúde dos animais”.

 

Características técnicas do servizo de recollida e custodia de animais domésticos abandonados

O alcance do servizo que deberá ser prestado polo adxudicatario será o seguinte:

  • Recollida e captura de animais domésticos de compañía abandonados na vía pública e/ou no termo municipal de Monforte de Lemos, utilizando persoal cualificado no manexo e coidado dos mesmos e en métodos de captura, cando sexa necesario.
  • Traslado dos animais nun vehículo autorizado e sinalizado especificamente, que cumpra os requisitos establecidos pola normativa vixente en canto a deseño e capacidade para garantir as condicións de saúde dos animais durante o traslado.
  • Control e asistencia sanitaria do estado de saúde dos animais por veterinarios cualificados que realizarán probas de diagnose, aplicación de tratamentos preventivos e curativos e o sacrificio por métodos eutanásicos autorizados pola normativa vixente cando sexa necesario. Así como o tratamento de enfermidades contaxiosas e o illamento, se procede, de animais en espazos separados e axeitados durante o período pertinente.
  • Mantemento e custodia dos animais en instalacións que reúnan as condicións hixiénico-sanitarias axeitadas para garantir a saúde e o benestar dos animais, e que figuren inscritas no correspondente Rexistro autonómico esixido segundo a normativa reguladora da materia.
  • Cumprir as normas de retención establecidas na Lei 4/2017,do 3 de outubro, para animais abandonados, ou animais con dono, asegurando que se preste aloxamento temporal ou permanente axeitado e os coidados necesarios para garantir a saúde e benestar dos animais.
  • Cando a empresa prestadora do servizo recolla un animal cuxo propietario sexa identificable ou localizable, a empresa comunicará ao propietario o achado do animal e acordará co mesmo o momento de recollida, previo pagamento do prezo estipulado.
  • Cando un propietario faga entrega dun animal, cuxa finalidade sexa a cesión definitiva do mesmo aplicaráselle o prezo correspondente.
  • Cando un propietario pretenda entregar un animal sen ser portador de identificación mediante microchip, previamente a súa recepción, incorporaráselle, rexistrando ao seu nome o animal e procedendo a continuación a súa recepción. Serán de aplicación os prezos polos servizos veterinarios correspondentes.
  • O adxudicatario aportará números de teléfono fixo e móbil ou outros sistemas de comunicación que estarán operativos as 24 horas do día, co fin de estar en contacto permanente.
  • A empresa adxudicataria colaborará e prestará asesoramento en cantas campañas de sensibilización organice o Concello de Monforte de Lemos.

 

Cláusulas técnicas do contrato

O licitador terá que presentar un proxecto de actuación sobre a prestación do servizo que inclúa a recollida e/ou captura, traslado a un núcleo zoolóxico ou centro autorizado para tal fin, atención veterinaria, depósito e custodia, así como outros servizos que se dispensen ós animais abandonados segundo a normativa vixente.

O servizo de recollida de animais municipal responsabilizarase da recollida de calquera animal doméstico de compañía (gato, cans, etc.) abandonado ou daqueles que se encontren na vía pública sen control dos seus propietarios no termo municipal de Monforte de Lemos.

As características para a prestación deste servizo son as seguintes:

  • Se o solicitase o Concello de Monforte de Lemos e xuntamente coa Policía Municipal, a empresa adxudicataria acudirá a aquela zona que puidera resultar problemática como consecuencia de animais soltos que puideran causar perigo para a poboación.
  • O servizo de retirada dos cans que se atopen vagando polas rúas do Concello farase periodicamente, no lugar indicado desde o Servizo de Medio Ambiente ou Policía Local, nun prazo máximo de unha hora de, luns a sábado, salvo en caso de urxencia, que se reduce a media hora desde o aviso. 

Os domingos ou días festivos intervirá soamente en casos de extrema urxencia, entendéndose por tales aqueles animais que se encontre malferidos ou representen un perigo potencial para persoas, bens ou outros animais.

En todo caso, a empresa adxudicataria atenderá soamente os avisos procedentes da Concellería de Medio Ambiente ou da Policía Local.

  • Por cada aviso atendido elaborarase un parte de traballo no que se especificarán, cando menos, hora de recepción do aviso, hora de chegada ao lugar requirido, tipo de intervención realizada, características do animal implicado e tipo de solución dada a incidencia, parte que se comunicará ao Concello dentro dos cinco días hábiles seguintes para que poda levar a cabo a oportuna labor de comprobación.
  • Igualmente elaborarase un informe trimestral y outro anual de todos estes partes de traballo, informe no cal aparecerán todas as incidencia dos animais recollidos.

Nas operacións de recollida, traslado e mantemento dos animais recollidos observaranse todas as garantías que establecen as leis e a normativa vixente reguladora da materia.

  • A prestación do servizo realizarase no termo municipal de Monforte de Lemos.

 

Criterios de adxudicación

-Elaboración dun proxecto integral de organización e prestación do servizo: 40 puntos. Deberá reflectir os seguintes aspectos:

  • Estrutura organizativa do servizo, con expresión detallada das labores a realizar, tempos de resposta, o programa de traballo, coordinación cos Técnico de Medio Ambiente do Concello de Monforte de Lemos, destino ou tratamento de cadáveres, etc.
  • Medidas de protección ambiental.
  • Propostas de resolución de problemas en situacións de incerteza ou extrema dificultade.
  • Medidas de benestar animal .

O proxecto incluirá os cadros, gráficos e esquemas necesarios para describir fielmente a natureza do servizo e o seu modo de realización.

-Prezo do servizo: 60 puntos.