O Alcalde inaugura a iluminación do Parque de Cobas

Monforte de Lemos, 27 de maio de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de inaugurar a nova iluminación pública do Parque de Cobas que “permitirá a monfortinos e visitantes ir dende o Parque dos Condes ata a Pinguela ou ata a rúa Cobas por uns paseos totalmente iluminados”.

Na inauguración deste novo alumeado público, que mellora sensiblemente os servizos que ofrece o Parque de Cobas a quen o visita, o Alcalde estivo acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno municipal.

A actuación foi acometida pola empresa Activa Parques y Jardines S.L., cun custe de 40.083,39 euros, ive engadido. A citada empresa foi a adxudicataria das obras de acondicionamento do Parque de Cobas, que presentou unha oferta por un prezo total de 167.241,21 € (ive engadido), na que se inclúe a partida destinada á mellora da iluminación aludida.

Deste xeito, toda a zona foi dotada dunha instalación de alumeado público da que carecía ata este momento o parque, e está composta por columnas e luminarias tipo LED, con liñas de alimentación soterradas.

O proxecto de acondicionamento dun espazo público no parque do Cobas fora elaborado por unha empresa monfortina e nel descríbense as obras e actuacións necesarias para o acondicionamento de dita zona, situada a carón do río Cabe e da lagoa da Pinguela. Este proxecto concibiuse como continuación deste parque, que foi acondicionado por varios obradoiro de emprego.

Neste senso, o Alcalde destaca que “ata hai pouco esta era unha zona con maleza, que empezamos a poñer en valor co traballo da Escola-Obradoiro, e que agora está inmersa nun proxecto integral de mellora a cargo dunha empresa de xardinería”.

Ademais, cabe recordar que recentemente o Concello adquiriu unha parcela de aproximadamente 6.000 m2 para ampliar este parque.

O rexedor municipal tamén anunciou que “en breve este parque de Cobas tamén será mellorado coa supresión dun pequeno establo que se atopa no centro do parque, cuxa supresión permitirá unha mellor comunicación a ambos lados das zonas principais do parque, para disfrute dos nosos cidadáns”.

Para levar a cabo o financiamento destas obras, o Concello asinou un convenio coa Deputación Provincial de Lugo o pasado 3 de decembro de 2019, en virtude do cal o ente provincial asumirá o custe das obras, mentres que o Concello aboará os 4.840 euros correspondentes á redacción do proxecto e a dirección de obra.

Características técnicas do novo alumeado público no Parque de Cobas

A instalación do novo alumeado público no Parque de Cobas contou cos seguintes elementos:

  • 1 Cadro de mando e protección para a instalación de alumeado público. Incluída a realización da base de colocación, o cadro completo e a posta a terra do mesmo.
  • Subministro e instalación de 26 luminarias LED para alumeado público, BENITO CITIZEN COMFORT 53 W, dotada de LED de 53 W de potencia nominal. En alumeado xeral do parque.
  • Subministro e instalación de 8 luminarias estanca 840 de SIMON, con tecnoloxía LED con óptica de policarbonato con tratamento anti UV, distribución fotométrica xeral. En alumeado baixo as pontes.
  • 26 columnas troncocónica gris, de 5 m de altura, con cimentación de formigón de 0,60 x 0,60 x 1,00 m, e arqueta contigua, de 40 x 40 x 60 cm., en canalización existente.
  • Subministro e instalación de condutor de cobre con illamento 0,6/1 kV para redes soterradas de baixa tensión, de 6 mm² de sección e condutor de terra, designación RVK 4x6 mm² 0,6/1 kV + TT 16 mm². Inclúe condutor de terra, de 16 mm²de cobre, con illamento 0,6/1 kV, e picas de cobre cada 5 luminarias.
  • Instalación eléctrica de luminarias na ponte 1, con protección baixo tubo con grado de protección 7, nas zonas accesibles de público. As luminarias instalaranse na propia estrutura da ponte.
  • Instalación eléctrica de luminarias na ponte 2, con protección baixo tubo con grado de protección 7, nas zonas accesibles de público. As luminarias instalaranse na propia estrutura da ponte.