O Concello de Monforte iniciou hoxe as actividades do Programa Deportivo de Verán

Monforte de Lemos, 1 de xullo de 2021. Hoxe xoves deron comezo ás actividades do Programa Deportivo de Verán que organiza o Concello de Monforte para este ano 2021.

En concreto, iniciáronse as actividades da primeira quincena do Campamento de Verán, cun total de 96 nenos e nenas participantes, o que supón a ocupación do cen por cen das trazas ofertadas.

Tamén deron comezo os cursos de natación ofertados na piscina climatizada municipal no que, ao igual que no campamento, ocupáronse o cen por cen das prazas ofertadas, que foron 78.

En canto ás actividades deseñouse unha programación atractiva, tendo en conta a situación actual, composta por actividades deportivas, talleres, excursións e actividades especiais como hípica e piragüismo.

O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que “dende o Concello de Monforte agardamos que a actividade sexa do agrado de todas as persoas participantes e que os nenos e nenas poidan disfrutar dunhas vacacións practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros”.

Do mesmo xeito, o rexedor municipal recordou que “dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas, ademais para ofrecer aos nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida, saudable e segura, pese á situación sanitaria derivada da Covid-19 na que seguimos inmersos”.

Protocolo ante a Covid-19

Para a organización destas actividades, e con motivo da crise sanitaria do COVID-19, o Concello deseñou un protocolo centrado, primeiramente, en velar pola seguridade de participantes e monitores/as.

Así, as liñas estratéxicas do protocolo deseñado para a organización dos campamentos foron as seguintes:

  • Grupos reducidos de 10 persoas.
  • Na piscina climatizada os grupos de traballo son de 6 persoas.
  • Monitores/as fixos para cada grupo durante cada quenda.
  • Espazos fixos e exclusivos para cada grupo.
  • Material deportivo exclusivo para cada grupo.
  • Material de talleres exclusivo para cada alumno/a.
  • Limpeza e desinfección diaria dos espazos utilizados.
  • Hixiene de mans constante.
  • Dotación de mascaras e xeles desinfectantes para os participantes.