O proceso selectivo para cubrir as 3 prazas da Policía Local de Monforte foi declarado deserto e levarase a cabo unha nova convocatoria

Monforte de Lemos, 10 de marzo de 2021. Na mañá de hoxe, celebrouse no Concello de Monforte unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local na que se declarou deserto o procedemento selectivo para cubrir 3 prazas da Policía Local, logo de que ningún dos aspirantes que superara a proba teórica aprobara a parte práctica (probas físicas).

Deste xeito, tamén se decidiu nesta xuntanza da Xunta de Goberno Local aprobar a nova convocatoria dun novo proceso selectivo para a previsión das prazas da Policía Local. Neste senso, as bases que rexerán a nova convocatoria serán exactamente as mesmas que no proceso anteriormente celebrado, bases que foron informadas favorablemente pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Vicepresidencia da Xunta de Galicia. É dicir, o novo proceso de selección rexerase polas mesmas bases e nas mesmas condicións que na anterior convocatoria.

A convocatoria publicarase nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o prazo para a presentación de solicitudes abrirase unha vez que sexa publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE).