Monforte de Lemos, 6 de setembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o concerto de Rocio Caamaño, que formaba parte do programa das Festas Patronais deste ano, e que tivo que ser aprazado por mor da climatoloxía, xa ten nova data para a súa celebración.
O concerto desta artista da Costa da Morte, era o primeiro das Festas Patronais e tiña que haberse celebrado o pasado mércores 10 de agosto, tras o pregón de Margarita Rodríguez Otero. Pero as condicións climatolóxicas adversas obrigaron ó Equipo de Goberno do Concello a aprazalo.
Tras coordinar Concello e artista as súas axendas, finalmente, o concerto de Rocío Caamaño, celebrarase o vindeiro sábado 17 de setembro, as 11 da noite, na Praza de España.
“Dende o Concello cumprimos así co compromiso que adquirimos o pasado 10 de agosto, cando nos comprometimos a estudar novas datas para este concerto, motivo polo que procedemos a aprazalo. Así, o vindeiro 17 de setembro os monfortinos e monfortinas poderán disfrutar deste concerto gratuíto de Rocío Caamaño, artista da Costa da Morte”, sinalou o Alcalde.
Rocio Caamaño
A cantautora Rocío Caamaño, natural de Cee, presentará en Monforte o seu primeiro disco, “Enbora”. A formación de música pop desta artista viaxa dende a Costa da Morte ata Monforte con aromas do mar, e algo de sabor a cidade, incorporando nese traxecto pensamentos e vivencias propias.
Dende principios de 2021 publicou 7 singles, varios videoclips e o pasado 25 de xullo de 2022 publicou o seu primeiro álbum, que ten por título ‘Enbora’.
O concerto está organizado polo Concello de Monforte, e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo.