O Alcalde, outra vez máis, ven de anunciar unha inversión de preto de 5.000.000 € para unha nova depuradora no Polígono Industrial do Reboredo

Monforte de Lemos, 23 de decembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servicios, José Luis Losada, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o convenio que asinará coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova depuradora do Polígono Industrial do Reboredo.

O Alcalde sinalou que “vai supoñer un antes e un despois para o futuro crecemento desta zona industrial de Monforte”. E subliñou que “trátase dunha inversión que permitirá que o Polígono medre industrialmente e, como consecuencia, que haxa tamén un crecemento da actividade económica e de creación de postos de traballo, por tratarse dun servizo básico para que o Polígono funcione con normalidade”.

Custe e reparto da inversión

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil aportará un 85% da inversión, case 4 millóns de euros (concretamente un total de 3.910.000,00 €), distribuída en 3 anualidades do seguinte xeito:

     -2023: 490.485,15 €

     -2024: 1.793.500,00 €

     -2025: 1.626.014,85 €

Pola súa banda, o Concello aporta o 15%, preto de 230.000 €/ano de media, máis a parcela onde se ubicará a nova depuradora, sendo un total de 690.000,00 € de investimento, que queda repartido nas seguintes anualidades:

     -2023: 86.556,20 €

     -2024: 316.500,00 €

     -2025 : 286.943,80 €

A parcela na que se situará esta infraestrutura conta cunha extensión de 5.000 m2, tivo un custe de adquisición de 117.975,00 € (a 19,50 €/ m2 + IVE), e foi comprada a Suelo Empresarial del Atlántico coa previsión de cedela para construír a nova depuradora.

Por tanto, a aportación municipal ascenderá a un total 807.975,00 €.

Características da nova depuradora

“A nova depuradora”, explicou o Alcalde “terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliacións que temos en marcha, incluso se duplicáramos o polígono que hai neste momento”.

Vaise construír con dúas características moi importantes e previsoras para o futuro.

     1ª) Vai poder funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a correcta, establecida nos parámetros que marca a lei.

     2ª) Vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela que ocupa a actual depuradora que son colindantes.

“Con esta obra tamén se vai mellorar moito o medio ambiente, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono, ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou José Tomé.

Unha vez rematadas as obras, serán recibidas polo Concello que se encargará do seu mantemento no futuro.

O Alcalde rematou salientando que “con inversións deste tipo, o Polígono de O Reboredo, ten por diante un futuro esperanzador, que xa é unha realidade despois de moitos anos de parálise, agora está en plena fase de crecemento e expansión”. A anunciada hoxe  polo rexedor monfortino é unha inversión moi relevante que ven a completar outros convenios que xa se executaron ou están en execución, un deles de 1.400.000€ e outro de 2.400.000€.

José Tomé tamén avanzou que “no primeiro semestre espero poder asinar outras inversións en saneamento de moito máis calado, se as conversas e os estudios que está facendo o Ministerio de Transición Ecolóxica finalizan como todos esperamos”.