O Alcalde asiste á presentación do último libro de Dolores Redondo en Monforte

Monforte de Lemos, 21 de decembro de 2022. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Servizos, José Luis Losada, Consumo, Regina López, e Cultura, Marina Doutón, asistiu na tarde noite de hoxe á presentación en Galicia do último libro da escritora Dolores Redondo, “Esperando al diluvio”.

O Alcalde agradeceu que Dolores Redondo escollera Monforte coma unha das nove cidades ó longo da xeografía española nas que está a presentar seu último libro “pois é unha embaixadora nosa que fixo protagonista a Monforte e á Ribeira Sacra no libro co que gañou o Premio Planeta, polo cal sempre é benvida na nosa cidade”.

Dolores Redondo gañou o Premio Planeta en 2016, con “Todo esto te daré”, un libro ambientado na Ribeira Sacra e que presentou en decembro dese mesmo ano no Centro do Viño. Nesta ocasión,  volveu a escoller Monforte de Lemos, única cita en territorio galego, para dar a coñecer a súa última obra.

Así, a presentación, que foi organizada ola Asociación de Prensa de Lugo, e contou coa colaboración do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo, desenvolveuse no auditorio do Edificio Multiusos.

Desenvolveuse un coloquio-mesa redonda coa escritora, que conversou e respondeu ás preguntas de tres xornalistas, Rocío Cortes, Manola Porto e Luisa Rodríguez.

Aínda que este último libro non está ambientado en Monforte ou na Ribeira Sacra, a escritora vasca, escolleu a cidade do Cabe pola vinculación que ten con esta zona, á que acude con certa asiduidade e na que ten vínculos familiares e de amizade.