O Alcalde fai entrega do IV Premio ó Ferrocarril ó Eixo Atlántico do Noreste Peninsular “polo seu interese, compromiso e defensa do ferrocarril en Galicia”

Monforte de Lemos, 18 de maio de 2022. A Casa Consistorial de Monforte acolleu esta mañá a entrega do cuarto Premio Monforte al Ferrocarril, un recoñecemento outorgado pola Asociación Monfortina Amigos do Ferrocarril (AMAFER) e que desta volta recaeu, por primeira vez nunha institución, o “Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular”.

O Alcalde de Monforte, e tamén Presidente do xurado que outorgou este galardón, José Tomé Roca, foi o encargado de desenvolver un acto no que lle fixo entrega do premio á presidenta desta institución, Lara Méndez López, quen estivo acompañada polo Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao.

O Alcalde salientou entre os motivos que tivo o xurado para premiar por primeira vez a unha institución coma o Eixo Atlántico, un premio que foi acordado por unanimidade, ”o seu interese, compromiso e defensa do ferrocarril en Galicia, algo que reiteradamente ven manifestando e demostrando esta institución a través do seu quefacer diario”.

En concreto, o rexedor monfortino destacou a organización que o Eixo Atlántico leva a cabo de foros arredor do ferrocarril para o debate así como a aportación de estudos técnicos que vinculan as redes férreas da Eurexión Galicia-Norte de Portugal.

“Todas estas iniciativas e este traballo desenvolto polo Eixo Atlántico, serven como ferramentas para dar a coñecer a “cuestión ferroviaria” e reivindicar o ferrocarril na nosa Comunidade Autónoma, establecendo ademais vínculos sociais e económicos no conxunto da Eurorexión”.

No mesmo senso, José Tomé, salientou que “nos últimos anos, cabe destacar que o Eixo Atlántico leva promovido diversos estudos sobre as liñas ferroviarias das provincias de Lugo e A Coruña. Ou a proposta que presentou no ano 2021 para que se investiran 3.000 millóns de euros para completar o mapa ferroviario en Galicia”.

“En definitiva”, subliñou o Alcalde, “a finalidade do premio que entregamos hoxe é recoñecer a labor das persoas e das institucións que traballan pola promoción, o estudo e a reivindicación da importancia do ferrocarril para a vertebración de Galicia, e non hai dúbida de que a labor do Eixo Atlántico encaixa perfectamente no espírito deste premio”.

A presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, tivo palabras de agradecemento e destacou que dende o Eixo Atlántico se seguirá a traballar para que a provincia de Lugo en particular e Galicia en xeral, dispoñan da mellor conexión ferroviaria posible e que o ferrocarril serva para artellar as conexións de persoas e mercadorías na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.

O Alcalde tamén aproveitou para destacar a importancia que o ferrocarril tivo dende sempre na historia de Monforte, “cidade que ten que seguir xogando un papel principal no desenvolvemento do ferrocarril en Galicia, no que se refire ó transporte de persoas, pero sobre todo, na loxística e no transporte de mercadorías polos camiños de ferro”. E recordou a trascendental importancia da recente chegada do AVE ata Ourense “que supón un fito histórico para a nosa comunidade”.

No acto de entrega destes premios tamén estiveron presentes o resto de representantes das entidades que compoñen o xurado: o Deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, a Xefa Territorial en Lugo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, María José Nistal Díaz, o Decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Enrique Urcola Fernández-Miranda, e o Vicedecano do Colexio de Xornalistas,  Xosé Manuel Pereiro.

Tamén estiveron presentes o Presidente de AMAFER e secretario do xurado, Fermín Avellaneda, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime Luis López Vázquez, así como varios Concelleiros e Concelleiras da Corporación municipal.

O galardón Monforte ó Ferrocarril ten carácter bianual. Na primeira edición, celebrada en 2014, AMAFER rendeu homenaxe ó secretario xeral de Transportes do Ministerio de Fomento, José Luis Cachafeiro. Dous anos despois, en 2016, o premio foi para o ex director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, e en 2018 recolleu o galardor Isabel Pardo de Vera Posada, naquel momento Directora Xeral do Departamento de Explotación e Construción do ADIF.