O Alcalde inaugura xunto co director de La Voz de Galicia a exposición que conmemora os 140 anos do periódico

Monforte de Lemos, 11 de agosto de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a mostra que  La Voz de Galicia expón en Monforte conmemorando os 140 anos de existencia deste xornal.

No acto, o Alcalde estivo acompañado polo director xeral do medio, Lois Blanco, e o delegado para a provincia de Lugo, Miguel Cabana, ademais da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, diversos membros da Corporación municipal, alcaldes de concellos da Ribeira Sacra, e outras autoridades.

Esta mostra conmemorativa e de carácter itinerante permanecerá exposta ó público no Campo de Santo Antonio, arredor do cruceiro, desde esta tarde e ata o día 23, coincidindo coas festas patronais da cidade, que deron comezo onte mércores 10 de agosto. Está formada por unha serie de paneis de gran formato organizados como unha xanela pola que mirar a estes últimos 140 anos de historia a través das páxinas do diario.

Os paneis reproducen unha selección dos acontecementos máis relevantes desde que o fundador de La Voz de Galicia, Juan Fernández Latorre, puxo na rúa o primeiro número do diario o 4 de xaneiro de 1882. Son 140 anos resumidos en 17 soportes que recollen os grandes acontecementos que marcaron o devir do mundo desde aquelas últimas décadas do século XIX, pero non só iso. Tamén teñen o seu sitio pequenas historias que no seu momento atoparon o seu sitio nas páxinas do xornal, polo seu interese humano e porque tamén son útiles para reconstruír o espírito da súa época.

Nesta vista atrás que propón a exposición sobre o 140 aniversario de La Voz de Galicia hai paradas imprescindibles, con reproducións de páxinas nas que o xornal contou as dúas Guerras Mundiais e a Guerra Civil ou as mobilizacións pola autonomía tras a ditadura de Franco. Un percorrido tan amplo que permite mesmo incluír na exposición guiños como as portadas que recollen a chegada do tren a Galicia, por Monforte, o 1 de setembro de 1883, e a da AVE o 20 de decembro do 2021, tituladas as dúas coa mesma frase: «Ao fin!».

A exposición que se poderá ver estes días en Monforte recolle tamén referencias que teñen que ver coa cobertura que o xornal presta á información de Monforte e do conxunto do sur da provincia de Lugo, especialmente desde que o xornal puxo en marcha fai ó redor de trinta anos unha edición propia para as comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga.