A Concelleira de Muller e Igualdade abre o Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas organizado polo Concello co gallo do 25N

Monforte de Lemos, 22 de novembro de 2021. Na tarde de hoxe, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, participou na primeira sesión do Curso de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas que a Concellería de Muller e Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) ten programadas dentro do conxunto de actividades que está levando a cabo nestas datas co gallo do 25N “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”.

A seguinte sesión, para a que non quedan xa prazas libres, levarase a cabo no Centro Cívico Social de 16:00 a 20:00 h o próximo martes 29 de novembro.

O obxectivo deste Curso é dotar as mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal e auto capacidades para a prevención de situacións de violencia de xénero, estará impartido por persoal instrutor de Fegaloita cualificado con experiencia en técnicas de intervención na violencia de xénero.

O que se pretende é que sexan un instrumento de formación que comprenda un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións.

Non se quere ensinar a pelexar. O fin é poder escapar desas situacións ilesas ou co menor dano posible, para despois utilizar as vías legais de protección e denuncia.

As técnicas han de ser sinxelas, pero ao mesmo tempo efectivas para acadar o obxectivo que se pretende, que non é outro que o de fuxir. Amosarase como utilizar  obxectos cotiás como as chaves, os móbiles, os bolsos….

Trataranse aspectos legais, psicolóxicos, estratéxicos, físicos e por suposto de prevención, xa que se entende que esta última é a que pode evitar nun momento determinado que chegue a producirse a agresión (recomendacións en portais, garaxes, vehículos, na rúa, …..).

Tamén se amosará material de defensa do que se dispón hoxe en día para a autoprotección.

Esta actividade enmárcase dentro das actuacións que a Secretaría Xeral de Igualdade ofrece aos municipios adheridos a Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.