O Concello abre as porta do Mercado de Outono de Monforte, que conta con 14 postos de venta

Monforte de Lemos, 29 de outubro de 2022. A 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, as Concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Muller e Igualdade, Margarita López, Consumo, Regina López, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé,  inauguraron na mañá de hoxe unha nova edición do tradicional Mercado de Outono que acolle a Praza de Abastos de Monforte durante esta fin de semana.

Un mercado de produtos típicos de outono e artesanía que conta ademais con gastronomía, contacontos musicais, obradoiros e a celebración da festa do Samaín.

No espazo dos Mercados da Praza de Abastos, é posible así, adquirir produtos de tempada, como mel, pementón, cogomelos, castañas, noces, marmeladas, doces, cosmética natural, queixos ou embutidos.

En total son 14 postos de venda directa deste tipo de produtos. O espazo expositivo conta ademais cunha pequena exposición de colmeas e ferramentas apícolas.

A actuación da banda folión “Os Xograres de Lemos” na Praza de España, prevista para o sábado 29 ás 9 da noite, debido as previsións de choiva, aprazouse para o domingo 30 ás 19:00 horas.

O horario deste mercado de produtos naturais e típicos de outono abrirá as súas portas é, o sábado 29 de outubro de 10 a 14 horas, e de 17:30 a 20:30 horas. No caso do domingo 30, o seu horario é de 11:00 a 14 horas.

 

Actividades para toda a familia

Dentro do Mercado de Outono o Concello programou as seguintes actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas coma a público adulto:

Sábado 29 de outubro

12:00h   Contacontos Marta OrtizContos, castañas e tea de arañas

17:30h   Obradoiro de cabazas (os participantes deberá traer a cabaza xa baleira).

18:00h   Festa de Samaín: baile de disfraces, pintacaras, contacontos e modelaxe de barro.

Domingo 30 de outubro:

12:00h   Contacontos con acompañamento musical “Brais das Hortas”: contos de medo que dan risa, contos cantados e contos tradicionais.

19:00h Banda folión “Os Xograres De Lemos”- Música para bailar na Praza de España.

 

Circuítos de artesanía e música galega

O Mercado de Outono encádrase no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

Con este programa o obxectivo do Equipo de Goberno de Monforte é impulsar a actividade, a creación, as prácticas nos procesos culturais contemporáneos artesanais, contribuíndo ó coñecemento e ós saberes tradicionais. E, do mesmo xeito, impulsar o sector artesanal como eixe de economía, cultura e identidade dun entorno como a Ribeira Sacra.

Dentro deste ciclo encádranse eventos comerciais, como fórmula tradicional de comercialización, coñecemento e divulgación, xunto con actuacións musicais e obradoiros interxeneracionais.

Así, o pasado 3 de setembro, tivo lugar o “I Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra”, que potenciou este oficio tradicional a través da participación de case media millar de palilleiras, procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, e cunha xornada de convivencia na que intercambiaron os seus traballos. Ademais realizouse un obradoiro de costura creativa para o público asistente, así como a actuación do Grupo de gaitas e Danza do Concello de Monforte.

Ademais do Mercado de Outono e do I Encontro de Palilleiras, este programa de “Circuítos de artesanía e música galega” que organiza o Concello de Monforte acollerá a celebración do tradicional Mercado de Nadal, no que se porán á venta produtos de artesanía e agasallos para o Nadal, complementados coa celebración de obradoiros e actuacións musicais.

E dende o Concello tamén se porá en marcha un ciclo de 6 obradoiros artesanais que se dará a coñecer en vindeiras datas, obradoiros en diferentes disciplinas artísticas artesanais propias da cultura e da industria rural galega. Ditos obradoiros terán lugar a partir do mes de novembro tanto nas parroquias rurais do Concello como na Praza de Abastos, cunha duración de 30 horas cada obradoiro.

Os interesados nestes obradoiros, poderán solicitar as súa participación unha vez aberta a convocatoria de solicitudes da que se ofrecerá información detallada nos próximos días, así como horarios e datas exactas de cada un dos obradoiros.