O Concello de Monforte súmase hoxe ó Día Internacional do Síndrome de Dravet iluminando a Torre da Homenaxe de morado

Monforte de Lemos, 23 de xuño de 2022.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que hoxe xoves día 23 procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor morada con motivo do Día Internacional do Síndrome de Dravet, unha iniciativa promovida pola Asociación Síndrome de Dravet (www.dravetfoundation.eu).

O Síndrome de Dravet é unha enfermidade rara, unha epilepsia que non ten cura e que non responde a ningún tratamento actual, coñecida tamén como “epilepsia catastrófica da infancia”. De feito, esta enfermidade aparece durante o primeiro ano de vida e provoca crisis epilépticas sen control, así coma retraso cognitivo, problemas de mobilidade e retraso na linguaxe, ademais dun 15% de mortalidade.

Como tal, o Día Internacional do Síndrome de Dravet que se conmemora mañá, “é un día para dar a maior visibilidade posible a esta enfermidade rara, para alertar e concienciar á sociedade de todos os retos e dificultades que as familias que a padecen teñen no seu día a día, así como da necesidade de investir en investigación para paliar os efectos desta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos que a sofren”, destaca o Alcalde.

Deste xeito, o Concello de Monforte súmase a esta iniciativa iluminando de cor morada un dos seus monumentos máis emblemáticos e visibles de toda a cidade, a Torre da Homenaxe que culmina o monte de San Vicente.