O Concello inicia hoxe luns os traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento de Monforte

Monforte de Lemos, 28 de novembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que hoxe luns 28 de novembro dan comezo os traballos de instalación da nova tubaxe na rede xeral abastecemento de Monforte.

O rexedor monfortino asinara no pasado mes de xullo coa empresa FCC Aqualia S.A., un preacordo para executar as obras do proxecto denominado “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte”, proxecto que consiste na dotación dunha nova tubería xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, cun investimento de 1,7 millóns de euros.

Deste xeito, unha vez solventados todos os permisos e trámites previos ó inicio das obras, estas poranse en marcha a partir de hoxe luns, logo da chegada nestes días do material necesario para acometer as actuacións, así como a maquinaria e os equipos implicados nas obras.

O inicio das obras ten lugar na zona do Campo de fútbol de Ribasaltas, e non implicarán, polo momento, afección as rúas polas que se instalará a nova tubaxe, é dicir, nestas actuacións iniciais non está previsto o corte de rúas nin na rede de subministro. A obra irá avanzando en dirección á cidade, dende os depósitos do Cornado.

O Alcalde salienta que “esta actuación suporá un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”, e recorda que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable”.


Foto de arquivo: O Alcalde presenta o proxecto da nova tubaxe para a rede de xeral de abastecemento de auga de Monforte, o 17 de agosto de 2022

Acordo para instalar a nova tubaxe na rede xeral abastecemento

O acordo asinado polo Alcalde coa Aqualia, obedece á execución do cumprimento parcial da sentenza nº 269/2021, de 30 de decembro,  do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, na que se ordenou á empresa Aqualia a execución de inversións incluídas no seu Plan de Investimentos para o Concello de Monforte, por un importe de 1.671.671,22 euros, que sumando os intereses de demora, ascende a 1.784.831,44€.

O proxecto que acomete Aqualia denomínase “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte” e consiste na construcción dunha nova tubería xeral na rede de abastecemento, de fundición, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente.

“Deste xeito, teremos desdoblada a Rede Xeral de Abastecemento, dado que teríamos 2 tubaxes, a actual e a nova tubaxe, e así evitamos as reiteradas roturas na actual tubaxe de fibrocemento, xa que a nova de fundición é moi difícil que teña unha avaría deste tipo”, explicou no seu momento o Alcalde.

Ademais, engadiu José Tomé, “a estas dúas posibilidades de abastecemento hai que sumar unha terceira, xa que nas proximidades de Juan Montes, xa foi construído un bypass para conectar a antiga traída de Pacios de Veiga”.

O Alcalde salientou que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable. Hoxe é un día moi importante, porque sen renunciar a nada, damos o primeiro paso para cumprir os compromisos pendentes que establece o contrato entre Aqualia e o Concello”.

 

Antecedentes

O 7 de xuño do ano 2001, o Concello de Monforte e a empresa FCC Aqualia S.A., formalizaron o contrato administrativo da concesión do servizo de abastecemento de auga. No prego de cláusulas de dito contrato, o criterio nº 9 de adxudicación establecía as melloras de dito contrato, resultando a empresa Aqualia como a que obtivo a puntuación máxima nese criterio.

Conforme a iso, as melloras ofertadas pola empresa como “Plan de Investimentos”, consistían na execución dunha serie de obras por importe total de 400.316.000 pesetas (2.405.947,68 euros), e que debían comezar a executarse ós 3 meses da entrada no servizo.

En concreto, as obras ofertadas consistían nun estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, a mellora nos depósitos de San Vicente, a execución de fontes cibernéticas modulares, a execución dun parque acuático en Monforte, así coma outras melloras que favorecesen a prestación do servizo.

Das referidas melloras, Aqualia realizou parcialmente a obra referente ó estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas,  investindo a cifra de 40.784,96 euros (dos 378.803,49 ofertados) e respecto da construción dun parque acuático para Monforte, aportou 143.182,29 euros para a adquisición dos terreos, habendo ofertado un total 1.594.236,34 euros para este proxecto.

Neste senso, o Alcalde recordou que “so se fixo unha pequena parte do investimento de 2,4M€, e de xeito irregular; cando en 2015 cheguei á Alcaldía, iniciamos un diálogo coa empresa para normalizar unha situación que había sido conflictiva dende o inicio do contrato”.

O 19 de marzo de 2018, o actual Alcalde elevou ó Pleno da Corporación a proposta de requirir á empresa demandante o abono da cantidade de 2.221.980,43 euros, máis os intereses legais, en concepto de importe pendente de executar das obrigacións de investimentos contractuais desta empresa, pero non foi aceptada polo Pleno, “polo que o proceso de diálogo non puido concluír”.

“Cando as circunstancias políticas cambiaron na composición do Pleno, acordamos requirir a Aqualia o que entendíamos que faltaba por investir, mais os intereses de demora”. Así, o 24 de febreiro de 2020, o Pleno do Concello de Monforte acordou instar a FCC AQUALIA, á execución de investimentos por un importe de 2.221.980,36 €, incrementado no correspondente interese legal do diñeiro, dando un resultado total de 3.718.223,00€. Devandito acordo foi recorrido por FFC AQUALIA S.L., ante a xurisdición contencioso administrativa.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo ditou a Sentenza n.º 269/2021, de 30 de decembro, en relación co recurso interposto por FCC AQUALIA S.L. na que se ordenou a execución de investimentos, por un importe total de 1.671.671,22 €, que haberían de ser incrementados cos intereses, desde a data que se indicou na resolución xudicial ( 21 de marzo de 2018).

Contra esta sentenza procedeuse a formular recurso de apelación, tanto por FCC AQUALIA, S.A, como polo Concello de Monforte de Lemos.

O Alcalde indicou tamén que “dende o Concello continuaremos con dito recurso de apelación, pero entendemos que é importante que naqueles puntos en que ambas partes, Aqualia e o propio Concello, estean de acordo, se proceda ó seu cumprimento, para non demorar actuacións que creemos son importantes para a nosa cidade, como é o recollido no Preacordo que acabamos de asinar”.