O Concello de Monforte conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Monforte de Lemos, 25 de novembro de 2022. O Concello de Monforte de Lemos conmemorou hoxe o 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dentro da campaña de sensibilización “Monforte, en Negro contra as Violencias”, organizada pola Concellería de Muller e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Ás 12 do mediodía, a praza do Concello encheuse de cidadáns e estudantes dos diferentes centros educativos de Monforte, que acompañaron a gran parte da Corporación municipal, en concreto a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a concelleira de Consumo, Regina López, e os Concelleiros de Obras, José Luís Losada, Deportes, José Manuel Mougán, Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, o voceiro do BNG, Emilio Sánchez, e a voceira do PP, Katy Varela.

En primeiro lugar, procedeuse á lectura dun manifesto contra a violencia contra as mulleres a  cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

Tras ela, tivo lugar unha acción a cargo do alumnado de diferentes centros educativos da cidade, que consistiu en ler e depositar mensaxes de repulsa nunha urna, que posteriormente quedou colocada na entrada da Casa Consistorial durante todo o resto do mes de novembro para todas aquelas persoas que o desexen poidan deixar as mensaxes de repulsa contra a violencia de xénero.

O acto na Praza do Concello concluíu coa celebración dun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia machista.

Texto do Manifesto

Hoxe conmemoramos o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e o lema que escollemos este ano no Concello de Monforte é “Con paso firme contra a violencia de xenero”, que é un chamamento á esperanza e á loita común.

Non é posible o cambio social sen a unión e o compromiso de todas e todos para acabar coa violencia machista. É importante dicilo ben alto, chamando ás cousas polo seu nome.

Normalmente, se pensamos neste tipo de violencia no imaxinario común, visualizámola ocorrendo na casa, onde se fai invisible para o resto e só a vive quen a sofre. Sen embargo estamos  ante un problema social que se estende a todos os ámbitos da vida.

Porque a  violencia está na casa, está nas aulas, está na sociedade coas relacións tóxicas e os comentarios inadecuados, está no ámbito laboral, porque a violencia  machista aliméntase das actitudes, das ameazas, do control da manipulación…

Por iso desde aquí hoxe, pedimos a colaboración de todas e todos. é importante apoiar, axudar, e acompañar ás vítimas, pero sobre todo, darlle voz e visibilizar a violencia. Non facer como se nada pasara, non naturalizar estes comportamentos, nin moito menos xustificalos.

Ogallá non existise este día e non tiveramos que estar aquí dicindo isto. Pero facémolo polas que de xa non están, por elas e polas que virán. Quédanos camiño por recorrer pero está nas nosas mans dar os pasos correctos para chegar a unha sociedade onde as mulleres poidan ser libres  e o mundo un lugar mellor.

Nestes tempos de negacionismo, o compromiso de todas e todos ten que ser más firme que nunca e seguir traballando para erradicar esta lacra.

Hoxe, e todos os días, camiñemos cara esa nova sociedade. Hoxe, loitamos con paso firme contra a violencia machista.

Non quero rematar sen  dar as grazas a todas e todos  os que nos acompañades, en especial aos centros escolares que están hoxe aquí, polo  esforzo que lle supón acercarse ata o Concello.