Monforte de Lemos, 19 de xullo de 2022. O Concello de Monforte recorda que prazo de presentación da xustificación para a percepción das axudas ó transporte de estudantes universitarios e de ciclos de formación, rematará o vindeiro venres 29 de xullo de 2022.
En concreto, podían optar a estas axudas para os gastos de transporte público ás distintas universidades o alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte, así como o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fóra do Concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.
Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, indica que “con esta liña de axudas, que incrementamos en 6.000 euros con respecto ó mesmo período do ano anterior, dende o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade. O noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.
Deste xeito, o Equipo de Goberno do Concello fixou a principios de curso a contía destas axudas en 20.000 €, para os gastos de transporte do curso 2021/2022, en concreto, do período establecido entre setembro do 2021 e ata xullo do 2022.
Trámites para a xustificación e percepción das axudas
Para percibir estas axudas os beneficiarios deberán presentar os billetes ou bonos do medio de transporte utilizado no que consten, de forma lexible, a data do billete ou bono, o percorrido e o importe da viaxe ou factura da empresa de transporte utilizado. O percorrido referirase ó transporte dende Monforte ata o lugar no que se realice o curso, calquera variación na ruta seguida deberá explicarse na xustificación.
Non se admitirán billetes ou bonos correspondentes ó transporte urbano do lugar no que se realicen os estudios.
Non se admitirán billetes ou bonos deteriorados, ilexibles ou nos que non conste a data de emisión. Así mesmo tampouco se admitirán billetes correspondentes a festivos ou vacacións segundo o calendario académico.
Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do interese de demora, desde o momento do pago da subvención nos casos e de conformidade co establecido no artigo 37 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
Os alumnos beneficiarios desta axuda obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola Intervención deste Concello e, en particular, a obriga de asumir os extremos regulados no artigo 14 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.