Gran acollida da actividade de Escape Room organizada polo Concello nos centros educativos co gallo do 8M

Monforte de Lemos, 10 de marzo de 2022. O Concello de Monforte, dende a Concellaría de Muller e Igualdade, e a través do Centro de Información á Muller, está a desenvolver unha novidosa actividade, dentro da programación ideada para conmemorar o 8 de Marzo “Día Internacional da Muller”.

Dentro do ámbito educativo para Educación Primaria estase a desenvolver, dende o pasado día 8 e ata o venres 11 de marzo, un ESCAPE ROOM educativo en Igualdade de xénero, un obradoiro práctico e de traballo grupal que ten por obxectivo que o alumnado se achegue, coñeza e visibilice unha serie de mulleres de especial relevancia. A actividade vai dirixida ó alumnado de 6º de primaria e cada sesión ten unha duración de 100 minutos.

Con esta actuación preténdese que nenos e nenas traballen na promoción da igualdade e na eliminación dos estereotipos de xénero amosando mulleres fortes en todos os eidos, que souberon adiantarse ó seu tempo e rachar cos estereotipos de xénero do momento que lles tocou vivir.

A persoa encargada de levar a cabo a esta novidosa actividade, que está tendo moi boa acollida nos centros educativos, e Simón González Villanueva da empresa Territorio Comanche.

O martes 8 de marzo, foron os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CPR Torre de Lemos e do CPR Ferroviario os que acolleron a celebración desta actividade. O mércores 9 foi a quenda do alumnado do CEIP Colexio Novo, e hoxe xoves 10 ten lugar no CPR Escolapios e no CEE Infanta Elena. Finalmente o venres 11 o Escape Room en Igualdade de Xénero visitará o CEIP A Gándara.

Esta actividade financiada con cargo aos fondos transferidos pola  Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2021.

 

Escape Room en Igualdade de Xénero para todas as idades

A que é a actividade máis novidosa no programa do 8M deste ano, tamén vai dirixida a público en xeral, de todas as idades, que poderán  participar en grupos de 6 a 8 persoas, e debendo os menores de 12 anos ir acompañados.

Nesta ocasión, con este “Escape Room pola igualdade” proporase ós participantes unha viaxe ó pasado para representar a vida das mulleres e homes de mediados do século XX. Para elo, recrearase unha mansión daquela época na que unha personaxe disfrazada de mordomo será a encargada de introducir ós asistentes na mesma.

Nesta mansión, descubrirán que a señora da casa era unha fervente activista polos dereitos das mulleres e fiel seguidora de Clara Campoamor na súa loita polo sufraxio universal.

Os participantes nesta actividade, deberán descifrar códigos ocultos en textos como o contrato de mestras de 1923, ou o decálogo da boa esposa, para poder chegar ó futuro, ó noso tempo presente.

Ó longo da actividade, dentro da Sala amosaranse imaxes e obxectos que escenifican conceptos como a brecha salarial, a violencia de xénero e as redes sociais. Nesta viaxe descubriran o conseguido ata a actualidade pero tamén o que queda por avanzar en materia de igualdade.

O Centro Cívico Social acollerá esta actividade para grupos reducidos de 6 a 8 persoas, polo que será necesario inscribirse previamente no CIM, no 982 416 350 ou correo electrónico cim@concellodemonforte.com. A inscrición realizaranse por orde de anotación ata rematar o número de prazas dispoñibles.

O Escape Room pola Igualdade para todos os públicos terá lugar o venres 18 de marzo, en 3 sesións pola tarde, e o sábado 19 e domingo 20, con 3 sesións de mañá e 3 de tarde cada un deses días.

Dada a situación sanitaria actual pola COVID-19 tomaranse ás medidas de hixiene e sanidade  tales como, redución de número de participantes, grupos pechados, aforo, uso de xel  hidroalcóholico, máscaras e tempo entre grupos para desinfección e limpeza da sala.