A Tenente de Alcalde e a Concelleira de Cultura de Monforte participa en Lucena na 60ª Asemblea da Red de Juderías de España

Monforte de Lemos, 25 de xuño de 2022. A 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada,  e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, participaron o pasado xoves 23 e venres 24 de xuño na 60ª Asemblea xeral ordinaria da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad que se organizou na cidade cordobesa de Lucena.

Durante a Asemblea, que se celebrou na Casa de los Mora, fíxose un repaso ó estado de execución do orzamento anual da Red, ás actividades que se levaron a cabo ata a data, e ós proxectos que se abordarán no segundo trimestre de 2022, entre os que destaca a celebración da Xornada Europea da Cultura Xudía o primeiro fin de semana de setembro.

Igualmente, durante a Asemblea abordouse o regulamento, opcións e cidades candidatas a unha posible ampliación da Red de Juderías de España en 2023.  As cidades participantes tamén analizaron os retos e proxectos futuros da asociación.

Ademais do Concello de Monforte de Lemos, tamén participaron neste encontro representantes das cidades de Barcelona, Córdoba, Estella-Lizarra, Lorca, Tarazona, Ribadavia, Tudela, Tui, e da propia Lucena.

A celebración da Asemblea contou con diversas actividades para amosar ós participantes o rico legado xudeu da cidade cordobesa. Así, o xoves 23 tivo lugar unha visita á  Necrópole xudía e ó alfar romano de Los Tejares. A visita concluíu na Serra de Arras e o santuario de Nuestra Señora de Araceli, dende onde se poden vislumbrar 5 provincias andaluzas. A xornada do xoves concluíu cunha cea de benvida que contou coa actuación do Coro de Cámara Elí Hoshaná Ciudad de Lucena, baixo o título “Kantes populares sefardíes”.

O venres 24, previamente á celebración da Asemblea, realizouse unha visita por Lucena para coñecer os elementos máis destacados do legado xudeu e do patrimonio cultural lucentino como o Castelo do Moral, o barrio de Santiago, a Parroquia de San Mateo e o Palacio dos Condes de Santa Ana.

Cabe recordar que está previsto que a cidade de Monforte presida en 2023 a Red de Juderías, e que polo tanto a cidade acolla a celebración da súa Asemblea anual, xa que esta presidencia establécese por orde alfabética das cidades membro: se León asumiu a presidencia en 2021, en 2022 está sendo a quenda de Lucena, e en 2023, será a cidade de Monforte de Lemos.