O Sábado 15 disputouse a terceira e última xornada do provincial de natación na piscina municipal de Monforte

-A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de obras, Medio Rural e Servizos,  José Luis Losada e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, acudiron a entregar as medallas aos gañadores das distintas categorías.

-A competición celebrada no Concello de Monforte supón a entesala para disputar o título de liga en división de honor, a de maior categoría de Galicia.

Monforte de Lemos, 18 de abril de 2023. Este sábado, 15 de abril, disputouse na Piscina Climatizada Municipal de Monforte de Lemos, a terceira e última xornada do provincial de natación.

Nesta competición tomaron parte os 4 clubes da provincia: Fluvial de Lugo, Portamiñá (Lugo), Xove e Monforte e os dous primeiros equipos nomeados van a disputar, xunto co Pabellón Ourense, o título de liga en división de honor, a de maior categoría de Galicia.

No que respecta ao rendimento dos nadadores do Monforte, dicir que todos raiaron un excelente nivel, a pesar de atoparse nun  período da tempada no que os adestramentos son esixentes, con vistas á  final da liga de clubes galega, na que o equipo monfortino xógase o que sería histórico ascenso a primeira división e os campionatos de verán tanto galegos como de España.

Os resultados máis destacados dos nadadores e nadadoras do C.N. Monforte foron os seguintes:

•     En 50 metros costas, Odei Arias e Javier Pontón conseguiron o 1º e 2º postos respectivamente con excelentes marcas. Andrea Gudín conseguiu o 3º posto na categoría feminina mellorando a súa marca persoal. Estes tres nadadores conseguiron a marca mínima para participar no Campionato de España de Natación de verán.

Isaac Losada, Irene González, Elena Arias, Alla Castro, Esther Martínez e Verónica Caplea rebaixaron a súa marca persoal e Marta García Igualou a súa marca.

•     En 400 metros estilos David Martínez Argiz conseguiu o 3º posto cunha excelente marca persoal.

•     En 200 metros estilos, Candela Enríquez e Esther Martínez baixaron a súa marca.

•     En 200 metros libres, Ánder Regueira e e Elena Arias baixaron a súa marca.

•     En 100 metros bolboreta Andrea Gudín e Javier Pontón conseguiron o 3º posto realizando marca mínima galega. Uxía, Antía e Mara baixaron a súa marca persoal.

•     En 50 metros braza, David Conde conseguiu o 2º posto. Antía e Isaac melloraron a súa marca, Marta e Uxía estiveron moi preto do seu mellor rexistro e Mara e Irene tiveron unha boa actuación tendo en conta que era a primeira vez que nadaban a proba.

•     En 100 metros libre, Hugo López, Isaac, Ander e Conde melloraron as súas marcas.

•     En 800 metros libres primeira experiencia para Antía e Elena que realizaron un bo papel.

Destacar que as nadadoras do C.N. Monforte Elena, Mara e Antía recibiron o premio a “nadadoras máis completas do campionato”, sendo 1ª, 2ª e 3ª respectivamente. Este trofeo premia a versatilidade das nadadoras nos diferentes estilos e distancias.

No pavillón compartiuse un ambiente excelente de deportividade e o equipo da cidade disfrutou dos éxitos acadados que poden constituir a antesala de novos triunfos para o noso equipo.