O Alcalde anima a participar no xogo “Abre a porta da Memoria”, organizado polo Concello dentro da Xornada Europea da Cultura Xudía

Monforte de Lemos, 5 de setembro de 2023. O Concello de Monforte segue a conmemorar Xornada Europea da Cultura Xudía con novas actividades, logo da celebrada o pasado domingo 3 de setembro, con dúas exitosas visitas á zona de ámbito xudeu monfortino, que congregaron a 140 persoas.

Deste xeito, o Equipo de Goberno organiza do 1 ó 25 de setembro o xogo Abre a porta da Memoria, xogo ó que o Alcalde, José Tomé Roca, anima a que participen tanto os monfortinos como as persoas que visiten a cidade e a Ribeira Sacra durante este mes de setembro.

Os xudeus sefardís mantiveron vivo o recordo ó longo do séculos, leváronse con eles as chaves das súas casas coa esperanza de poder regresar de novo un día a elas. Hoxe esas chaves son símbolo da memoria e vínculo entre todos eles e coa súa terra de orixe Sefarad.

Este xogo, ideado pola Red de Juderías de España, consiste en situarse diante dunha porta colocada na Oficina Municipal de Turismo (rúa Comercio 6), facer unha foto diante de dita porta e seguir as instrucións do QR impreso na porta.

O Alcalde, e Presidente da Red de Juderías de España durante este ano 2023, procedeu a realizar a correspondente fotografía, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

Unha vez sacada a fotografía, para participar no concurso, será necesario subila a Instagram e etiquetala con #memoria #redjuderias ou enviala a descubridores@redjuderias.org.

Os participantes que suban as súas fotos, optarán a conseguir diferentes premios a través do sorteo de packs de agasallos.

Dende o Concello de Monforte, animamos a todos, monfortinos e persoas que nos visitan, a participar neste concurso, e de paso aproveitar para realizar un paseo pola memoria visitando a Xudaría de Monforte.