O Alcalde inaugura a 5ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que alcanza a participación máis alta da historia con 30 adegas

Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a quinta edición do  Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará ata o domingo 2 de xullo no paseo do Malecón da cidade.

No acto, estivo acompañado por unha ampla representación institucional, ademais do pregoeiro desta edición, o técnico agrícola e biólogo José Mouriño Cuba.

Un dos aspectos máis destacados desta quinta edición é o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en tres con respecto á edición de 2022, participando neste ano  30 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 5 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño. Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.

Neste senso, o Alcalde iniciou a súa intervención agradecendo ós adegueiros e adegueiras “o seu compromiso,  esforzo e pola colaboración, porque gracias á vosa xenerosidade imos poder disfrutar dun evento que proxecta a calidade e a excelencia dos nosos viños nun mercado moi amplo e que fai de reclamo para a comarca de Lemos e para a Ribeira Sacra, como a min me gusta dicir, un pedazo de Paraíso no interior de Galicia”.

O viño, protagonista esencial na economía da Ribeira Sacra

O Festival do Viño da Ribeira Sacra é unha iniciativa do Concello de Monforte que botou a andar en 2017 en colaboración coa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, e que naceu debido a que o viño foi o elemento central do desenvolvemento e do crecemento exponencial que tivo a Ribeira Sacra nos últimos 25 ou 30 anos en todos os aspectos, cultural, paisaxístico, gastronómico, artesán, turístico e no sector vitivinícola. “promocionar os nosos viños é o mesmo que promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

Desta forma, dende o Equipo de Goberno, para levar a cabo esta promoción ideouse unha proposta diferente cun amplo e completo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival. “O traballo feito polo sector do viño nas últimas tres décadas, merece este esforzo, e danos argumentos para sentirnos orgullosos do que temos alcanzado”, destacou o Alcalde.

“Esta mostra de viño do conxunto da Ribeira Sacra”, salientou o Alcalde, “formada por adegas que representan ás distintas subzonas, reforza a imaxe do sector vitícola e dun destino turístico que está de moda e que xira, entre outras cousas, entorno á cultura do viño. Por iso, temos a obriga de saber aproveitar este momento tan favorable, unha oportunidade única para posicionarnos nos circuítos turísticos nacionais e internacionais, ademais a través  dun produto tan prestixioso como é o viño gañando novos mercados”.

O sector do viño é hoxe unha peza clave na economía da comarca, e nel compaxínase a tradición do cultivo en terraza coa innovación tecnolóxica na elaboración dun viño de calidade en bodega, que compite con calquera denominación do Estado español, e tamén no eido internacional, como atestiguan os premios acadados nos eventos estranxeiros.

Tamén manifestou José Tomé que “este sector ten por diante un gran potencial, que segue medrando e buscando novas fórmulas de atracción para clientes e turistas, por iso, dende este escaparate do conxunto da Ribeira Sacra, imos seguir traballando en colaboración cos adegueiros e coa da Denominación de Orixe, porque traballando en equipo, e sumando esforzos, multiplicaremos os efectos positivos que pretendemos”.

 

O Concello seguirá apostando polo Festival do Viño

Na súa intervención salientou Tomé Roca que “dende o Concello de Monforte facemos todo o esforzo necesario para que este certame acade o éxito que merece, porque estamos diante dunha inversión que ano a ano ten o seu retorno na economía de Monforte e da Comarca da Ribeira Sacra, e da que se benefician todos os sectores, especialmente o da hostalería e o comercio”. Por iso, dende o Equipo de Goberno se seguirá apostando por un evento que é o “o colofón ás magníficas Feiras do Viño que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe”.

“Estou convencido” concluíu o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición e por suposto, do viño”.

E animou a todos os monfortinos e visitantes a participar nel ata o domingo porque “este é un evento para desfrutar o viño, nun ambiente tranquilo, cos amigos, coa familia, ou como crea cada persoa que é máis conveniente dende o punto de vista individual ou colectivo. Por iso, este é o Festival de todos os que amamos o viño da Ribeira Sacra”.

 

José Mouriño Cuba, Pregoeiro oficial do Festival

Tras a intervención do Alcalde, tomou a palabra o pregoeiro oficial desta quinta edición, José Mouriño Cuba. Para el tivo unhas palabras o Alcalde na súa intervención: “este lucense nacido en Xermade, a quen coñezo dende fai anos e do que fun compañeiro de Consellería, desenvolveu un longo traballo a prol da modernización da agricultura e da gandería de Galicia dende a Administración coma enxeñeiro técnico agrícola e biólogo. Pero quero destacar especialmente que foi un dos principais impulsores na creación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, polo que en gran parte, podemos dicir que hoxe estamos aquí gracias a el”.  

Tamén recentemente, foi presentado en Monforte un libro seu onde recolle a historia da evolución do viño dea Ribeira Sacra, “polo que a súa implicación e interese pola nosa zona e os nosos viños queda fora de toda dúbida”.

“Por todo isto, estamos moi satisfeitos de que aceptara ser o pregoeiro do Festival do Viño deste ano”, concluíu José Tomé.

 

Ampla presencia de autoridades

Na inauguración oficial e visita ós stands das distintas adegas que conforman esta 5ª edición do Festival do Viño, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, estivo acompañado, entre outras autoridades, polo Senador, César Mogo, a Deputada no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, do Deputado provincial Pablo Rivera, do presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, da Xefa Provincial de Turismo en Lugo da Xunta de Galicia, Paloma Vázquez, da Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, de alcaldes e alcaldesas tanto da provincia de Lugo (Taboada, Ferreira de Pantón, Bóveda, Sober, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Chantada) como da de Ourense (Parada de Sil e Castro Caldelas), de concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal, do presidente (Antonio Lombardía) e de diversos vocais do Consello Regulado da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, forzas e corpos de seguridade do Estado, do ex-presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, así como adegueiras e adegueiros e outras moitas personalidades da cidade do Cabe e da comarca.

 

Adegas participantes e Zona de gastronomía

As 30 Adegas participantes nesta cuarta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, supón a participación máis alta das edicións que se levan celebrado, son:

1. Abadía da Cova

2. Adega Vella

3. Algueira

4. Alma das Donas

5. Asolagados

6. Barbadelo

7. Casa de Outeiro

8. Adega Corzoas

9. Cividade

10. Condado de Sequeiras

11. Cruceiro

12. Don Bernardino

13. EDV

14. Finca Cuarta

15. Finca Millara

16. Galanteiro

17. Guímaro

18. Gullufre

19. Lucenza

20. Malcavada

21. Petrón

22. Peza do Rei

23. Ponte da Boga

24. Priscillvs

25. Rectoral de Amandi

26. Sabaínzas

27. Tear

28. Tolo do Xisto

29. Val da Lenda

30. Viña Vella

Ademais, o Festival contará  cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños, e na que participarán:

-“Queso negro. Buleri”

-“Lácteos Ribeira Sacra”

-“ Embutidos Valentina”

-“ Embutidos Suarna”

-“ Helados Xeou”

-“ Xamóns D. Francisco”

-“ Xamóns Roberto”

-“ Panadería Fernández”

-“ Panadería Tuiriz”

- E establecementos asociados a “E para comer Lugo”:

  • Brasería Casa Reboiro
  • Abadía de San Simón

 

Actividades para todos os públicos

Como en anteriores edicións, destinados ós máis pequenos desenvolveranse diversos Obradoiros infantís:

SÁBADO 1 DE XULLO

12:30 a 13:30h. Contacontos. Anxo Moure.

19:30 a 20:30h. Alfarería Tradicional da Ribeira Sacra - Figulus.

DOMINGO 2 DE XULLO

12:30 a 14:00h. Taller circense. Circonove.

19:30 a 20:30h. Showcooking. Velaísca Animación.

Para adultos, organizaranse dous obradoiros de cata con diferente perfil:

SÁBADO 1 DE XULLO

11:30 a 12:30h. Taller de Análise Sensorial que abrangue diversos estilos a través das súas

variedades máis nobres.

13:30 a 14:30h.Taller de Análise Sensorial con viños elaborados a partir de variedades ancestrais recuperadas.

Ademais, presentarase unha MASTERCLASS de 2 horas de duración aproximadamente e a

cargo de Alejandro Paadin, o cal é un coñecido sumiller ademais de outros cargos

importantes no sector do viño.

 

Esta masterclass terá lugar o Domingo 2 de Xullo ás 12:30 horas e tratara sobre “Viños da

Ribeira Sacra vs Viños Internacionais” .Cataranse un total de 10 referencias.

 

Todos estes talleres, incluíndo a masterclass son gratuítos e faranse na zona acondicionada

como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. A capacidade en cada taller é de

30 persoas e é necesario facer reserva previa no teléfono +34 621 120 560 ou no mail

festivalmonforte@gmail.com.

 

2 VinoRutas para coñecer a Ribeira Sacra

O Alcalde tamén destacou a celebración doutra actividade que conta ano a ano con cada vez máis participantes. Trátase das 2 VinoRutas “que nos permitirán viaxar ó lugar de orixe onde contemplar o nacemento da uva e descubrir os encantos dos dous ríos que bañan as ribeiras, o Miño e o Sil. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa viticultura heroica”.

-VinoRuta do Sil. “Tradición e Viñedos do Sil”. SÁBADO DÍA 1 DE XULLO

Ás 15:15h sairemos de Monforte de Lemos cara ao concello de Sober para visitar a adega

Rectoral de Amandi onde coñeceremos de primeira man os seus viños e a viticultura de

montaña. Despois viaxaremos ata a parroquia de Francos onde se atopa a adega Petron e

nunha visita guiada degustaremos os viños que fan famosa a D.O Ribeira Sacra. Despois

dirixirémonos ao peirao da Ponte do Sil para facer un fermoso paseo en catamarán polo río

Sil onde coñeceremos a súa historia e tradición nestas ladeiras con bancais así como o

espectacular Canón. Dende aquí volveremos cara Monforte de Lemos para desfrutar do

Festival do Viño.

Prezo: 20€ adulto e 10€ neno (ata 10 anos).

 

-VinoRuta do Miño. "Os viñedos e o río Miño". DOMINGO DÍA 2 DE XULLO

Ás 10:15h sairemos de Monforte de Lemos cara ao concello do Saviñao para visitar a adega

Abadía da Cova, Adegas Moure. Adega familiar onde faremos unha cata guiada e

contemplaremos o meandro do Cabo do Mundo dende o seu espectacular miradoiro. Dende

aquí seguiremos cara á Praia da Cova para facer un percorrido en canoa polo río Miño,

desfrutando da súa paisaxe e do seu viñedo. A nosa próxima parada será na adega Pilares de

Belesar situada na pintoresca vila de Belesar rodeada de vides. Dende aquí voltaremos cara

Monforte de Lemos para desfrutar do Festival do Viño.

Prezo: 25€ adulto e 18€ neno (ata 10 anos).

 

Para máis información, reserva de VinoRutas e inscripción no Taller de Catas será necesario chamar ó teléfono de contacto 621 120 560 ou enviar un email a festivalmonforte@gmail.com.

 

5 actuacións musicais en dous escenarios

En canto ás actuacións, esta edición conta con dúas importantes novidades. Por un lado, aumentouse o número de actuacións musicais, pasando de 2 a 5 (4 actuacións musicais e 1 de danza galega) e por outro lado, a ubicación das mesmas, tamén é novidosa xa que van a ter lugar no propio recinto do Festival do Viño, no Paseo do Malecón. Un escenario estará situado detrás do ambulatorio e outro á altura do Centro Cívico.

-O venres día 30 de xuño ás 20:00 h, NEUTR, Compañía de Danza de Fran Sieira, nos vai a deleitar cunha peza coreográfica na que se cuestionan os roles de xénero dentro da música e da danza tradicional galega.

Ás 23:00 h actuará a cantautora coruñesa SES cunha traxectoria ascendente e imparable e considerada pola prensa como a revolución do panorama musical galego.

-O sábado 1 de xullo, tamén ás 21:00 h, actuará DIBOA, unha banda de música popular brasileira con raíces galegas que fan versións modernas de música dos anos 60.

Ás 23:00 h actuará XISCO FEIJOO que tras un incesante traballo de recuperación etnográfica e colaboracións en espectáculos con artistas de proxección internacional, animouse a crear un proxecto propio cunha visión particular.

-E o domingo día 2 de xullo, actuarán ás 21:00 h, FILLAS DE CASSANDRA, grupo que fai Composicións que defenden á muller artística e vital fronte á súa invisibilidade e submisión o longo do tempo.

 

Horarios e programación oficial

Os horarios de apertura e peche dos stands deste Festival do Viño serán:

  • Venres 30 de xuño de 7 da tarde a 12 da noite, sendo á inauguración ás 8:15h da tarde.
  • Sábado 1 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde, e das 7 da tarde ás 12 da noite.
  • E o domingo 2, de 11 da mañá a 3 da tarde e das 7 da tarde ás 10:30 h da noite.

 

O Programa Oficial do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2023 será o seguinte:

VENRES 30 DE XUÑO

19:00h. Apertura dos stands.

20:00h. Neutrx. Actuación da Compañía de Danza de Fran Sieira.

20:15h. Acto de apertura do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2023”. Pregoeiro

D. José Mouriño Cuba.

23:00h. Actuación de Sés.

00:00h. Peche dos stands.

 

SÁBADO 1 DE XULLO

11:00h. Apertura dos stands.

11:30h. Taller de cata. Variedades nobres.

12:30h. Obradoiro infantil. Contacontos Anxo Moure.

13:30h. Taller de cata. Variedades ancestrais recuperadas.

15:00h. Peche dos stands.

 

19:00h. Apertura dos stands.

19:30h. Obradoiro infantil. Olería Tradicional da Ribeira Sacra - Figulus.

21:00h. Actuación da banda Diboa.

23:00h. Actuación de Xisco Feijoó.

00:00h. Peche dos stands.

 

DOMINGO 2 DE XULLO

11:00h. Apertura dos stands.

12:30h. Masterclass de Viños da Ribeira Sacra vs Viños Internacionais con Alejandro Paadín.

12:30h. Obradoiro infantil circense. Circonove.

15:00h. Peche dos stands.

 

19:00h. Apertura dos stands.

19:30h. Obradoiro infantil showcooking. Velaísca Animación.

21:00h. Actuación de Fillas de Cassandra.

22:30h. Clausura do “Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2023”.