Monforte de Lemos, 13 de novembro de 2023. O Alcalde, José Tomé Roca, foi o encargado de abrir hoxe a sétima edición do Foro Territorios Patrimonio, que se celebra ata mañá no Parador de Turismo de Monforte.
No acto inaugural, no que tamén participaron o Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e o director de dito Foro, Carlos Montilla, o Alcalde fixo un repaso polo rico patrimonio que posúe a cidade de Monforte, así como a riqueza paisaxística e artística da Ribeira Sacra e “que son as nosas sinais de identidade e un poderoso reclamo turístico, arredor do que articulamos unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”.
Na súa intervención, o rexedor monfortino destacou a importancia e a idoneidade do enclave onde se celebra este Foro, o Conxunto Monumental de San Vicente, que está “encadrado dentro do Conxunto histórico de Monforte de Lemos, declarado Ben de Interese Cultural en 1973”, e no que ademais do Parador destaca a Torre da Homenaxe. O Alcalde tamén salientou os importantes valores cos que conta a ampla rede museística da cidade.
José Tomé tamén puxo en valor a importancia da Xudaría monfortina, “que nos permite formar parte da Red de Juderías de España, e da que neste ano 2023 ostentamos a presidencia. Precisamente hai uns días, neste Parador celebramos a Asemblea xeral desta Red na que reunimos a representantes das 21 cidades membro de toda España, e que serviu para adoptar importantes decisións que afectan, neste caso, ó noso patrimonio sefardí”.
Tamén o Alcalde reivindicou o papel esencial que dentro do patrimonio paisaxístico da Ribeira Sacra aporta o Miradoiro do Duque, “situado xusto encima do embarcadoiro Ponte do Sil, de onde saen os catamaráns da Deputación de Lugo, elementos cos que podemos descubrir a beleza e a maxestuosidade e o valor inmaterial dos viñedos da Ribeira Sacra, fronte a Castro Caldelas”.
Do mesmo xeito, o tamén Presidente da Deputación de Lugo, salientou que na Ribeira Sacra se atopa a maior concentración de Románico rural de toda Europa, e polo tanto, do mundo, “aspecto este que foi posto en valor nos últimos anos polo ente provincial que presido, e que supón un reclamo de primeira índole para as persoas que nos visitan”.
O representante municipal concluíu incidindo en que “todas estas son as nosas sinais de identidade e un poderoso reclamo turístico, arredor do que articulamos unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e de experiencias”. E subliñou que “dende o Concello, creemos que as diferentes administracións e asociacións debemos aunar esforzos, pero dando en firme, para acadar o noso obxectivo prioritario, que é que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.
VII Foro Territorios Patrimonio
A sétima edición deste foro acolle hoxe luns día 13 e mañá martes 14, mesas redondas, debates e visitas á zona, todo elo arredor da riqueza patrimonial do sur da provincia de Lugo, e no que se abordan de temas como a experiencia entre territorios, a paisaxe patrimonial ou o rural.
O Foro Territorios Patrimonio é un foro internacional que cada ano reúne na Ribeira Sacra a algunhas das voces máis lúcidas do momento en cuestións como patrimonio, turismo sostible e futuro vitivinícola. Un programa de conferencias e actividades dirixidas a profesionais da cultura, estudantes e público xeral con interese en profundar nos retos e oportunidades da Ribeira Sacra nunha contorna internacional.
Así, o foro convértese en centro de debate e catalizador das tendencias de presente e futuro. Un programa de charlas, mesas redondas, catas e actividades que se desenvolve en formato híbrido, é dicir, presencial e virtual.
Entre os obxectivos que se abordan destacan o de dar visibilidade, nunha contorna de debate e reflexión, á candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra; interpretar a situación actual poñendo o foco nos retos máis inmediatos, así como nas estratexias de traballo para un futuro desexable; garantir un espazo de diálogo que ofreza ferramentas de traballo, formación e promoción para os axentes locais, representantes institucionais e traballadores de empresas de cultura e turismo do territorio; e conectar á Ribeira Sacra con outros territorios Patrimonio da Humanidade a través de personalidades de relevancia internacional que coñezan de primeira man os retos que implica este recoñecemento.