O Alcalde recibe a Eduardo Iglesias co equipo que participará no rally Dakar, que conta co patrocinio do Concello de 5.000€

Monforte de Lemos, 4 de decembro de 2023. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ó piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, para despedilo días antes de que o piloto viaxe camiño de terras de Arabia Saudí para participar do do 5 ó 19 de xaneiro de 2024 nunha nova edición do rally Dakar.

O acto de presentación, que tivo lugar na praza da Casa Consistorial do Concello de Monforte, serviu para dar a coñecer a moto coa que Iglesias competirá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38.

Na recepción, o Alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, o técnico de Deportes, Óscar e por un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.

Cinco participacións consecutivas no Dakar

Este 2024 será o quinto ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o Alcalde desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes como tivo na pasada edición na etapa prólogo, e que, si pode, supere o mellor posto acadado, que foi o 53 que conseguiu na edición de 2021.”

Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas catro participacións no Dakar: non so conseguiu rematar en 3 das 4 ocasións o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020, no posto 53 en 2021, e no posto 78 en 2022. En 2023, un accidente na etapa prólogo impediu a súa continuidade na proba, “algo do que espera resarcirse este 2024.”

“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal. Ademais, o Alcalde salientou que o piloto monfortino levará o nome de Monforte, da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación.

Tomé Roca que tanto o Concello como a Deputación provincial de Lugo apoian  economicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición. En concreto, o Concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000€, ós que se engade outra axuda da Deputación provincial de Lugo, “porque sen dúbida contribuirá a que de novo Monforte, a Ribeira Sacra e a provincia de Lugo estean representados nun evento deportivo que xenera un enorme seguimento e ten unha repercusión mundial, con máis de 200 millóns de telespectadores”.

O Alcalde concluíu manifestando que “en nome de todos os monfortinos e monfortinas, desexámoslle a Eduardo Iglesias o maior dos éxitos na súa quinta participación neste rally Dakar, e estamos seguros de que volveremos a ter motivos para sentirnos orgullosos del”.

O Rally Dakar 2024, que é a proba de motor máis importante e famosa do mundo, desenvolverase do 5 ó 19 de xaneiro de 2024, cunha prólogo e 12 etapas, e 5.000 quilómetros de percorrido, en Arabia Saudí.