O Concello abre un novo prazo de axudas a Asociacións culturais de Monforte por importe de 3.200€

Monforte de Lemos, 03 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa  que tras aprobar o Equipo de Goberno o pasado 25 de setembro, en Xunta de Goberno, as bases das subvencións municipais destinadas a Asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas, sen ánimo de lucro e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, para actividades realizadas no exercicio 2023, e tras saír estas publicadas o pasado sábado 30 de setembro no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, ditas asociacións xa poden proceder a solicitalas.

Trátase dunha nova liña de axudas que contan cunha unha partida de 3.202,43€ que está incluída nos 12.000 euros que o Concello destinou para estas axudas en xullo, e que tras finalizar o praza de presentación de solicitudes, dita partida de 3.202,43€ non foi gastada para os fins reflexados na convocatoria destas axudas. 

Polo tanto, o Concello pon a disposición este remanente, para que aquelas asociacións que non solicitaran a axuda por entón, teñan a posibilidade de facelo a través desta nova convocatoria.

Para elo, as asociacións interesadas terán dende ata o luns 16 de outubro, incluído, para presentar as súas solicitudes. Concedidas as diferentes subvencións, o prazo para xustificalas será ata o 7 de decembro de 2023.

O o importe de cada subvención non poderá superar os 1.000 euros, nin o 70% do investimento subvencionable por cada anualidade.  

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “o que pretendemos, con esta liña de axudas, é seguir apoiando a labor das nosas asociacións, a fin de apoiar actividades que son imprescindibles para o desenvolvemento cultural da nosa cidade, como son charlas, coloquios, conferencias, publicacións, concertos, eventos, etc.”.

 

Requisitos dos beneficiarios e finalidade das axudas

Para poder optar a este tipo de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, as asociacións deben cumprir unha serie de requisitos, ademais de figurar legalmente constituídas no rexistro de asociacións do Concello (ter domicilio social, sede ou representación en Monforte) e desenvolver actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo.

Estes requisitos son:      

  1. Carecer de ánimo de lucro.
  2. Estar debidamente inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Monforte de Lemos no momento de presentar a solicitude.
  3. Non ser debedora co Concello por calquera tipo de débeda de dereito público (será comprobado de oficio pola administración).
  4. Non ser debedora coa Facenda estatal ou autonómica e estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social.
  5. Non estar incursa en prohibición para obter a condición de beneficiaria de subvencións públicas.
  6. Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.
  7. Para estas subvencións quedan excluídas Asociacións e Entidades Deportivas, así como aquelas que realicen actividades de carácter social, pois contan con liñas de axuda específicas.
  8. Quedan así mesmo excluídas aquelas entidades asociativas que xa recibiran subvención ó abeiro da primeira convocatoria (5 de xullo) de subvencións a asociacións inscritas no rexistro municipal de asociacións para actividades realizadas no exercicio 2023.

 

A finalidade das axudas será contribuír ao financiamento de programas, proxectos ou actividades culturais levadas a cabo por Entidades e Asociacións sen ánimo de lucro no Concello de Monforte de Lemos no exercicio 2023.

Non serán subvencionables os gastos de reforma e acondicionamento de locais, vestiario, actividades con ánimo de lucro ou calquera outro gasto non relacionado co proxecto presentado. Así mesmo quedan excluídas desta convocatoria as axudas a festas patronais, comidas e eventos relixiosos.

O Alcalde salienta que “con estas axudas dende o Equipo de Goberno do Concello apoiamos ás iniciativas, actuacións e programas que contribúen á dinamización da vida cultural de Monforte, actividades que complementan os programas dos servizos culturais municipais e que se dirixen á comunidade en xeral. E facémolo especialmente nun momento no que as administracións debemos apoiar á cultura, porque é parte esencial da nosa sociedade.”

 

Descarga de documentos:

Bases Subvencións asociacións lúdicas e culturais Monforte 2023 novo prazo

Publicación no BOP