O Concello de Monforte súmase mañá venres ó Día Mundial da Sida iluminando de vermello a Torre da Homenaxe

Monforte de Lemos, 30 de novembro de 2023. O Concello de Monforte iluminará mañá venres 1 de decembro a Torre da Homenaxe de cor vermello con motivo do Día Mundial da SIDA. Un día na que xente de todo o mundo únese para apoiar ás persoas que viven co VIH e lembrar ás que faleceron por enfermidades relacionadas coa sida.

Cada Día Mundial da Sida vira arredor dun tema diferente. Este ano o lema é “Que lideren as comunidades” e que  incorpora toda unha lista de desafíos sobre os que o Día Mundial da Sida, a través do organismo Onusida, alertou en todo o mundo. Para poñer fin á Sida, o mundo necesita que as comunidades vaian na cabeza. As organizacións de comunidades que viven co VIH, que corren o risco de contraelo ou que se viron dalgunha maneira afectadas polo virus están na primeira liña da loita para progresar na resposta ao VIH. As comunidades conectan ás persoas cos servizos de saúde pública centrados nas persoas, xeran confianza, innovan, supervisan a implementación de políticas e servizos, e responsabilizan aos provedores.

Establecido en 1988, o Día Mundial da Sida foi o primeiro día dedicado á saúde en todo o mundo. Desde entón as axencias das Nacións Unidas, os Gobernos e a sociedade civil reúnense cada ano para loitar en determinadas áreas relacionadas co VIH.

“O Día Mundial da Sida segue sendo tan importante hoxe como cando empezou, e continúa lembrando á sociedade e aos Gobernos que o VIH non desapareceu”, sinala o Alcalde. “En 2022 contabilízanse no mundo 39 millóns de persoas con VIH, habéndose  infectado ese ano 1,3 millóns. Sen embargo, as mortes relacionadas coa Sida reducíronse nun 69% dende o pico alcanzado en 2004, e un 51% dende 2010”.

A día de hoxe é fundamental aumentar o financiamento para a resposta á Sida. Tamén é esencial que a sociedade no seu conxunto tome conciencia de como o VIH afecta a vida das persoas, para que deste xeito podamos poñer fin ao estigma e a discriminación, e consigamos mellorar a calidade de vida das persoas que viven co VIH.