O executivo de José Tomé colabora coa organización da II Carreira e Andaina contra o Cancro que se celebrará en Monforte o 26 de novembro

Monforte de Lemos, 15 de novembro de 2023. A Concelleira de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, Margarita López, participou hoxe na presentación da segunda edición da Carreira e Andaina, Monforte en Marcha contra o Cancro que a delegación lucense da Asociación Española contra o Cancro organiza en Monforte e que se celebrará o domingo 26 de novembro.

Na presentación, Margarita López estivo acompañada pola Presidenta da Asociación Española Contra o Cancro na provincia de Lugo, María Luz Abella e representantes da Xunta de Galicia en Lugo. Tamén acudiron a esta rolda de prensa os Concelleiros de Servizos, José Luis Losada, Deportes, José Manuel Mougán, e a concelleira de Consumo, Regina López.

 

O Concello colabora activamente na II Andaina e Carreira contra o Cancro

A concelleira de Muller e Igualdade amosou a satisfacción do Equipo de Goberno de poder colaborar na organización desta II Carreira e Andaina contra o Cancro, “porque iniciativas de carácter solidario e social tan importantes coma esta, merecen todo o noso apoio”.

Neste senso, Margarita López explicou que a través da Concellería de Deportes, o Equipo de Goberno colaborou activamente coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local.

Ademais, para o desenvolvemento desta carreira, dende o Concello tamén se proporcionará o servizo de ambulancia, e levarase a cabo a colocación das vallas necesarias para delimitar o circuito deseñado para a mesma.

A Policía Local colaborará no corte e vixiancia do tráfico daquelas rúas polas que transcorra a carreira, velando tamén pola seguridade dos e das participantes. Neste senso, a carreira implica o corte de vías de comunicación da cidade polas que transcorrerá a carreira: Francisco Moure, Paseo de Lugo, rúa Carude, San Lázaro Reboredo e Dalmiro de la Válgoma, cortes que serán levados a cabo pola policia municipal.

“É dicir” subliñou a Concelleira, “dende o Executivo de José Tomé colaboramos nesta iniciativa poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina resulten todo un éxito, algo do que estamos seguras que así será”.

Este evento deportivo e solidario celebrarase o domingo 26 de novembro ás 12 do mediodía, nun circuíto urbano en Monforte, cun percorrido de 5 quilómetros que terá saída e chegada na Praza da Compañía.

A concelleira, animou ós veciños e veciñas a participar neste evento, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 24 de novembro e pode facerse de xeito online ou no local da asociación.

O prezo para a inscrición, que inclúe camiseta, é de 10€, e todos os fondos recadados irán destinados a seguir mellorando a vida dos pacientes con cancro e as suas familias, e impulsar a investigación oncolóxica para conseguir un 70% de supervivencia no ano 2030.

Esta carreira popular e urbana, é de carácter benéfico contará con categorías masculina e feminina cun primeiro, segundo e terceiro premio para cada unha.

Colaboración constante do Equipo de Goberno coa Asociación Española Contra o Cancro

Tamén recordou Margarita López na súa intervención, a colaboración constante do Concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo: “o Alcalde é sensible coa importantísima labor que desenvolve a Asociación Contra o Cancro en Monforte, e desde un primeiro momento levamos a cabo una colaboración estreita coa mesma, que se traduce na cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade”.

Do mesmo xeito, o Concello participa e colabora en todas cantas actividades desenvolven na nosa cidade, “algo que seguirá facendo, porque o compromiso e a colaboración deste Alcalde e seu Equipo de Goberno coa Asociación contra o Cancro é firme e constante, xa que desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento en relación con esta enfermidade”, concluíu López.

A concelleira rematou a súa intervención animando a todos os veciños e veciñas de Monforte a inscribirse e participar neste evento que auna deporte e solidariedade.

 

Máis información en: https://enmarcha.contraelcancer.es/es/evento/monforte-en-marcha-contra-o-cancro