Monforte de Lemos, 23 de novembro de 2023. Hoxe remata o obradoiro de prevención das violencias machistas na contorna dixital “#Patriarcado Baneado” dirixido a alumnado de 6º de primaria dos centros educativos de Monforte, coa participación do CEIP A Gándara, o CPR Torre de Lemos, o CPR PP Escolapios, o CPR Ferroviario, o CEIP Monforte e o CEE Infanta Elena.
Integrado dentro das actividades organizadas polo Concello arredor do 25N, “Que non te cale o machismo”, esta actividade, cunha sesión de 120 minutos de duración por grupo, consistiu nun xogo de investigación e análise colaborativo a través dunha presentación interactiva, na que o alumnado participante se dividiu en equipos de entre 2 e 3 persoas para navegar polas diferentes plataformas e redes sociais máis utilizadas na actualidade co obxectivo xeral de concienciar sobre as ciberviolencias sexuais para favorecer a prevención e a erradicación das mesmas na poboación infantil e xuvenil.
O persoal encargado de levar a cabo a actuación, pertencentes a CAVAS GALICIA, foron profesionais do Traballo Social con especialización en xénero e igualdade e experiencia en xestión de grupos.
Con esta actividade buscaron fomentar no alumnado participante o razoamento crítico sobre a socialización diferencial, para que aprendan a relacionar como esta tamén inflúe nos espazos virtuais, xerando a mesma desigualdade estrutural que sustenta a base das ciberviolencias sexuais.
Esta actividade está financiada con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2023.