Teatro este xoves 9 no Multiusos de Monforte con O porco de pé, da compañía Producións Teatrais Excéntricas

Monforte de Lemos, 6 de novembro de 2023. O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.

Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 9 de novembro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos O porco de pé, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, obra escrita por Quico Cadaval & Pepe Sendón - versión libre da novela de Vicente Risco, baixo a dirección de Quico Cadaval e interpretada por Patricia Vázquez, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

 

Sinopse, O porco de pé: teatro de fenómenos.

Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.

Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. Descubriu que estaban entre NÓS! A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe mais vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán, como nunha lanterna máxica, anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, cupletistas, mentalistas, futuristas, e budistas.

Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Unha sucesión de grotescos personaxes, caricaturescos como marionetas, representan dende os principios da farsa popular, a aguda visión do miope Risco. Unha historia de corrupción política e de amor, pasada polos espellos deformantes do parque de atracción..

 

A seguinte obra programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, e nesta ocasión dirixida para todos os públicos, será Inseguridade Social de Teatreiras Monforte que terá lugar o sábado 18 de novembro na Casa da Cultura ás 20:00 h, sendo a entrada gratuíta.