Monforte de Lemos, 27 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, veñen de asinar na mañá de hoxe e ante os medios de comunicación, o convenio que fará posible a construción dunha nova senda peonil circular urbana en Monforte de máis de 4 quilómetros nas marxes dos cauces dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, dende o edificio de Correos ata o Malecón, que “suporá un antes e un despois na trama urbana, unha gran obra que ten compoñentes de mellora de carácter urbanístico, medioambientais, de saneamento e de ocio”.
O rexedor monfortino puxo en valor a importancia desta nova gran obra para a trama urbanística da cidade pola inversión que prevé este convenio, máis de 4,1M€, en concreto, 4.125.000 euros, dos que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil aporta o 80% (3.300.000€) e o Concello de Monforte o 20% (825.000€), en 4 anualidades, do ano 2025 ó 2028.
Este orzamento incluirá a redacción do proxecto, que se iniciará dende hoxe, a licitación e a execución das obras. A previsión é que a redacción do proxecto se leve a cabo ó longo do ano 2025, e que se desenvolva todo o proceso construtivo e de restauración ambiental dende o ano 2026 ó 2028.
En concreto, o Alcalde explicou que a trama urbana que se verá mellorada coa construción desta senda peonil dará comezo xunto ó edificio de Correos e ata o Fogar San José-Hermanitas dos Anciáns Desamparados e ata o Malecón, ó longo de 4 quilómetros, “urbanizando, entendéndose ben, o regato das Malloadas, o regato Penela e o Zapardiel, é dicir, vai abrazar Monforte, vai facer un cinturón arredor da cidade, poñendo en valor eses tres regatos que dende sempre estiveron abandonados, e que van introducirse na trama urbana”.
Esta senda terá continuidade ó unirse co Malecón, formando unha especie de círculo arredor de Monforte, transcorrendo sempre por zona verde, e continuando polo Parque dos Condes.
Ademais desta senda peonil, que suporá ampliar o espazo de lecer, deporte e saúde dos monfortinos e monfortinas, este convenio ten unha enorme relevancia dende o punto de vista do saneamento, pois solucionará a entrada de auga de choiva ou do regadío que, dende o regato das Malloadas, satura o colector de saneamento ubicado debaixo da Compañía, e que dificulta o bo funcionamento da depuradora de Piñeira, que depura peor cando está sobrepasada de carga.
Neste senso, José Tomé subliñou que “articulamos con este proxecto varias cousas: poñemos a disposición de todos os monfortinos un paseo de 4 quilómetros, para peóns e para bicicletas, porque vai ser mixto; vamos a sacar dos regatos o saneamento, porque o novo saneamento irá por debaixo da senda que se constrúa; na parte de Correos e ata a rúa Sarria, vai haber un paseo por ambos lados, por ser unha zona moito máis urbana”.
O rexedor monfortino destacou a importancia desta actuación, “unha gran obra, e para min como Alcalde é unha satisfacción moi grande poder alcanzala, porque é útil en moitos aspectos, dende o punto de vista urbanístico, do ocio, da saúde ou do saneamento, poñendo en valor estes regatos” e agradeceu ó Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil este proxecto e “pola sensibilidade que ten con Monforte, especialmente en temas medioambientais e de saneamento, que son moi necesarios”. Neste senso, o Alcalde remarcou o seu agradecemento tanto á Confederación como ó investimento levado acabo dende o Goberno de España.
“A catro anos vista, toda esa zona da cidade dende Correos, chegando ó parque da Florida, pasando a carreteira de Santa Mariña, baixando pola Cerámica, transcorrendo polo Zapardiel ata o Fogar de San José, das monxas, contará cun cinturón urbanizado, saneado, con regatos con boa presencia, limpos e coidados”, concluíu José Tomé.
Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, articulou o desenvolvemento deste convenio, en torno a “tres aspectos moi relevantes, que dan boa mostra da importancia deste proxecto, que son a restauración ambiental, o paseo peonil, e a mellora de colectores que afectan fundamentalmente ó regato das Malloadas”.
En primeiro lugar a restauración ambiental, coa recuperación de 3 regatos e dándolles unha nova vida, afluentes do Cabe, no seu tramo urbano, naturalizándose o seu cauce, recuperando a súa vexetación ripícola e construíndo un paseo fluvial que discorrerá en xeral por unha das marxes dos 3 regatos citados, e nos tramos máis urbanos, en ambas marxes.
En segundo lugar, a construción dunha senda peonil de 4 quilómetros que actuará “como abrazo para a trama urbana, unindo zonas de máis densidade, a partir da rúa do Conde, para transcorrer cara á N-120, onde se dilúe un pouco a trama urbana, para volver outra vez a abrazar unha zona de alta densidade como é a parte final, na rúa Doutor Casares”. A senda, explicou Quiroga, unirá dous parques, o da Florida e o do Zapardiel, e porá en contacto lugares de alto interese da cidade como a Compañía, Escolapios, Malecón e Casco Histórico.
“Este proxecto vai poñer á natureza no centro da cidade de Monforte, cunha senda urbana para que a xente poida camiñar ou correr”.
E en terceiro lugar, o proxecto sacará as augas limpas, sobre todo do regato das Malloadas, que entran nos colectores da rede de saneamento, e que provocan un funcionamento deficiente da EDAR municipal de Piñeira.