Monforte de Lemos, 28 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fixo entrega na tarde de onte, das chaves dos locais municipais cos que o Concello de Monforte conta no Pavillón polideportivo de A Pinguela, ós clubs deportivos ós que lle foron concedidos. No acto estivo acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e polo técnico de deportes, Óscar Rodríguez.
En concreto, o Executivo de José Tomé cedeu 7 dos 10 locais dispoñibles a outras tantas entidades deportivas, en concreto, ó Club Ximnasia Rítmica Quicela, ó Club Rítmica Kendra, ó Club Natación Monforte, ó Club Baloncesto Val De Lemos, á A.D. Castelao de fútbol sala, ó Club Voleibol Ribeira Sacra Monforte, é o Club Korbis de voleibol.
Nun acto cos representantes dos sete clubs concesionarios, o Alcalde fíxolles entrega a cada un deles das chaves físicas do local correspondente, a clave wi-fi de cada un deles, e as tarxetas electrónicas necesarias para acceder ó propio Pavillón, a través do control de accesos ubicado no vestíbulo do mesmo.
Cabe recordar, que o pasado mes de outubro, o Concello puxo a disposición de clubs e entidade deportivas monfortinas sen ánimo de lucro 10 locais de propiedade municipal situados no Pavillón Municipal da Pinguela. Ditos locais foron reformados e acondicionados dentro do proxecto de mellora integral de dito pavillón, que o Executivo de José Tomé acometeu en 2023, cun investimento de 4 millóns de euros, e que deu como resultado un pavillón polideportivo único en Galicia na súa categoría.
Neste senso, José Tomé recorda que “debido a que no Concello de Monforte hai un elevado número de entidades que ofrecen servizos deportivos á cidadanía, o cal xera unhas necesidades de xestión administrativa importantes, dende o Concello de Monforte quixemos colaborar cos Clubs e Entidades Deportivas poñendo á súa disposición, e de balde, unha serie de locais situados no Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela.”
Tras rematar o período de formalización de solicitudes por parte dos clubs e entidades deportivas, o Equipo de Goberno resolveu conceder a sesión de 7 locais dos 10 dispoñibles, dando resposta positiva a todas as solicitudes presentadas.
Esta cesión de locais veu motivada, subliña o Alcalde, “porque existe unha importante demanda de uso dos locais situados no pavillón polideportivo da. Ademais, o tecido asociativo do sector deportivo en Monforte desempeña unha labor fundamental na promoción do deporte entre persoas de tódalas idades, motivo polo cal necesitan acceder a este tipo de locais, desde os que desenvolver a súa labor administrativa e de xestión”.
Os locais entregados son de distintos tamaños, cunha superficie media de 21 metros cadrados, e se ceden baleiros, é dicir, sen mobiliario. Están dotados dun punto de conexión a internet.
O Alcalde destaca que “a cesión de uso destes locais é gratuíta, de xeito que as 7 entidades cesionarias non pagará ningún canon polo uso dos locais, porque o noso obxectivo con esta cesión de uso é o de dar apoio ás necesidades administrativas que teñen os clubs e entidades deportivas da nosa cidade”.
No obstante, as entidades están obrigadas á conservación dilixente dos locais, respondendo dos danos que poidan ocasionar as persoas que compoñen a entidade, e as usuarias, por acción ou omisión, debendo efectuar de xeito inmediato e a ao seu cargo, previa autorización do Concello de Monforte, as reparacións necesarias. Da mesma maneira, as entidades cesionarias faranse cargo da limpeza e mantemento dos locais cedidos.
Usos autorizados dos locais, horarios e prazos de cesión
O obxectivo da cesión de uso dos locais é a de dar apoio ás necesidades administrativas que teñen os Clubs e Entidades Deportivas.
Deste xeito o uso autorizado dos locais será o de oficina do club así como de zona de almacenamento de material relacionado coa actividade deste, ou actividades de análogas características.
O uso dos locais cederase polo prazo dun ano prorrogable de xeito automático anualmente ata un máximo de 4 anos.
Unha vez transcorrido o tempo de cesión o Concello de Monforte poñerá en marcha un novo procedemento para a cesión de uso dos locais.
O Concello de Monforte reservase a facultade de recuperar o uso dos locais, en calquera momento, antes de que transcorra o prazo estipulado, por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización.
Todos aqueles clubs aos que lles sexa concedido o uso dun local poderán facer uso deste de luns a domingo entre as 8:00 e as 00:00 h.
Os clubs autorizados poderán acceder á súa oficina, dentro do horario autorizado para o seu uso, aínda que a instalación estea pechada ao público. Neste caso só poderán facer uso da súa oficina, sen poder acceder a ningunha outra dependencia da instalación.
O Concello de Monforte instalou un sistema de control de accesos na porta principal do pavillón para ter un control sobre o acceso dos diferentes usuarios da instalación que teñan autorización.