O Executivo de José Tomé por en marcha un novo programa dirixido a promover a inclusión social do colectivo de inmigrantes no municipio

Monforte de Lemos, 11 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello ven de poñer en marcha un novo programa, dende a Concellería de Servizos Sociais e Discapacidade, dirixido a promover e facilitar a inclusión social do colectivo de inmigrantes do concello monfortino.

O Concello, no seu proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais, contempla actuacións específicas de prevención e inclusión social de colectivos en situación de vulnerabilidade social.

Neste senso, ó Alcalde monfortino, sendo coñecedor desta necesidade, e no seu afán de ofrecer a integración da sociedade monfortina á este colectivo de poboación inmigrante, deu orde á Concellería de Servizos Sociais de tramitar  unha subvención  á  Consellería de Política social da Xunta de Galicia, que lle foi concedida o pasado mes de novembro de 2023 para o desenvolvemento do Módulo de asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría dentro do mencionado Programa de acollida e inclusión social do colectivo inmigrante, ó abeiro da  Orde do 06 de  setembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais para programas de inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, para os anos 2023 a 2025.

Así, este Programa de acollida e inclusión social có colectivo inmigrante ten como finalidade favorecer a inclusión sociolaboral das persoas inmigrantes veciñas do Concello de Monforte a través de actuacións orientadas á inclusión básica e residencial, a mediación social e intercultural, a formación adaptada e a información, asesoramento e apoio nos trámites legais en materia de estranxeiría ás persoas usuarias dos Servizos Sociais municipais.

Neste módulo de asesoramento técnico especializado en materias propias de estranxeiría, enmárcanse accións como a información, asesoramento e apoio nos trámites precisos para as autorizacións e renovacións de residencia, homologación de títulos, reagrupamentos familiares, nacionalidade e outras cuestións relacionadas coa normativa española en materia de estranxeiría.

Para o seu desenvolvemento, o Concello contratará especificamente a un asesor xurídico especializado, dende o mes de abril de 2024 e ata finais do mes de marzo de 2025.

O acceso a este programa realizarase a través dos servizos sociais comunitarios municipais, solicitando cita previa coa traballadora social de referencia, no 982 416 541, que será a encargada de valorar a situación e realizar a derivación ó programa.