O Alcalde da a coñecer o vídeo e o cartel da XX Feira Medieval e anuncia que solicitará á Xunta a declaración de Feira de Interese Turístico Galego

Monforte de Lemos, 11 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe a campaña promocional da vinteava edición da Feira Medieval de Monforte, un evento que se celebrará os vindeiros 30 e 31 de marzo de 2024.

En concreto, a campaña apoiarase en dous elementos fundamentais, como son cartel e do vídeo oficiais, dos que o rexedor monfortino deu a coñecer hoxe os seus deseños. Durante a roda de prensa o rexedor estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón.

Con estes dous elementos, o Alcalde anunciou o desenvolvemento dunha campaña de promoción “igual de intensa que a que fixemos nos pasados anos, para que a xente poida incluír a Feira Medieval dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, que veñan a Monforte”, campaña que se sustentará nos dous elementos antes mencionados.

Na presentación o Alcalde fixo énfase en que “por fin chegamos ós 20 anos de Feira Medieval de xeito ininterrompido, e despois desta 20 edición, xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025.”

Neste senso, José Tomé incidiu en que “é de xustiza que a Xunta de Galicia nos outorgue un recoñecemento, coma Feira de Interese Turístico Galego, que creemos que xa hai anos nos tiña que ter recoñecido”, porque “a Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da nosa cidade a nivel cultural e comercial, é un dos eventos máis destacados do noso calendario anual, xa que representa un importante atractivo turístico e axuda a atraer miles de visitantes a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra”.

 

Cartel oficial

O cartel da XX edición da Feira Medieval, “foi escollido entre diversos bocetos, porque conxuga varios elementos que para nós son claramente centrais da nosa feira, e ademais incorpora tamén claramente a presenza da figura da muller”, explicou o Alcalde.

Este ano a Feira Medieval celébrase no mes de marzo, que é o mes que xira arredor do 8M Día internacional da Muller. “Por iso, decidimos a figura da muller tivera unha presenza central no cartel, que sae da Porta da Alcalzaba, que é a porta máis importante e antiga da Muralla de Monforte”.

Esta figura feminina guerreira protagonista do cartel, “transmite toda a forza e valentía coa que celebramos esta Feira Medieval”.

 

Vídeo recopilatorio

O segundo elemento presentado polo Alcalde, foi o vídeo promocional para este ano 2024, ”co que quixemos facer unha recompilación de imaxes destes últimos anos, coma homenaxe ó vixésimo aniversario da Feira que alcanzamos este ano”.

“A nosa proposta audiovisual”, explicou o Alcalde, “cunha duración de algo máis de 6 minutos, está configurada a través dunha música heroica, intensa e que vai “in crescendo”, acompañando e sendo o fío condutor desas imaxes que, a modo de recompilación, son tamén un resumo dos eventos máis destacados desta Feira Medieval”.

Deste xeito, o vídeo recolle o que son os eixos centrais protagonistas da Feira, que nos permiten, tal e como destaca o vídeo “un reencontro coa época medieval de Monforte de Lemos”: os espectáculos de cetrería, o Mercado medieval con máis de 130 postos este ano, o Campamento medieval, as Xustas e o Gran Torneo medieval, o Campamento infantil, os espectáculos de luz e son no Palacio Condal ou na Praza do Campo de San Antonio, ou a solta de faroliños dende a praza Luis de Góngora.

Este vídeo será proxectado no MUPI do Cardenal, no Mercado para a Medieval, e nas pantallas que se ubicarán durante a celebración da Feira en San Vicente e na Praza de España.

Unha versión máis reducida do vídeo, de minuto e medio, será a que se faga circular polas nosas redes sociais e na páxina web do Concello, para acadar a máxima difusión posible deste evento.

Os vídeos pódense ver en:  

 

-Vídeo oficial: https://youtu.be/XJ6aHjl-6XI

-Vídeo oficial (versión extendida)https://youtu.be/ZnZRslguctQ

 

Promoción intensa da Feira Medieval

Na súa intervención, o Alcalde tamén explicou que “con estes dous elementos que damos a coñecer hoxe, queremos facer unha campaña igual de intensa que a que fixemos nos pasados anos, para que a xente poida incluír a Feira Medieval dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, para que escollan vir a Monforte.”

A campaña de promoción da Feira incluirá tamén insercións publicitarias tanto nos medios locais como provinciais e autonómicos, xornais e radiofónicos.

Por outra parte realizarase un reparto do cartel en todos os establecementos comerciais da cidade, e tamén por toda a comarca e nas principais cidades de Galicia.

Ademais, como todos os anos, colocarase o cartel durante a Feira do Viño de Sober, por ser un dos eventos que teñen unha afluencia importante de visitantes e polo tanto, ten unha potencial axuda á hora de acadar unha maior difusión.

“Creo que o traballo de promoción que facemos ano a ano desta Feira é bo, e proba delo son as solicitudes rexistradas para a instalación de postos de venta de produtos, o que supón un número moi alto en relación con outros eventos doutras cidades”, resaltou o rexedor monfortino. ” -Esta alta demanda proba que a Feira Medieval de Monforte é un evento exitoso e consolidado, que é un referente dentro do calendario de eventos de Galicia, porque son moitos os artesáns e comerciantes que queren participar nela”.

 

Presentación do programa oficial durante o Mercado para a Medieval

O terceiro elemento de promoción da Feira Medieval será Programa Oficial, que será dado a coñecer durante a inauguración do Mercado para a Medieval, que terá lugar o 16 e 17 de marzo na Praza de Abastos, “mercado co que queremos animar ás ventas relacionadas con produtos relacionados coa Feira Medieval”.

Neste mercado o visitante atopará unha gran variedade de postos adicados á venda de traxes medievais confeccionados a man para adultos e nenos, bixutería, complementos, un salón de peiteado e maquillaxe, ideas para a decoración de establecementos de hostalería….é dicir,  todo o necesario para poder lucir o “máis medievo posible” nesta nova edición da Feira Medieval.

O Alcalde concluíu a súa intervención destacando que “tal e como dicimos no vídeo, “Monforte revive por 20ª ocasión o esplendor medieval do seu pasado”, unha cita imprescindible en Galicia, á que agardamos que, como nas últimas edicións acudan miles de visitantes, e que contemos tamén coa colaboración e implicación dos nosos veciños, e da nosa hostalería e do noso comercio”.