O Alcalde supervisa as obras de asfaltado e urbanización dunha nova rúa na cidade, na Travesía Celso Emilio Ferreiro, na que o Concello investiu 136.000€

Monforte de Lemos, 13 de maio de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, José Luis Losada, supervisou hoxe as obras de asfaltado incluídas no proxecto de mellora que afecta á actual Travesía da rúa Celso Emilio Ferreiro, e que supón a súa urbanización, dando lugar a unha nova rúa da cidade.

O Alcalde recordou que antes desta actuación “a coñecida como Travesía da rúa Celso Emilio Ferreiro era unha rúa sen pavimentar e que era utilizada de acceso para varias vivendas unifamiliares, así como para os garaxes dun edificio situado na esquina coa rúa Celso Emilio Ferreiro. Ademais, nas beiras desta vía, aparcan normalmente numerosos vehículos”.

José Tomé tamén aclarou que “a urbanización desa nova rúa, correspondíalle segundo as licencias, ós promotores dos edificios que fan esquina por ambos lados, dado que un deses edificios ten entrada a garaxe polo lateral, pero o goberno de entón non lle esixiu o cumprimento da licencia e agora o Concello asume esta urbanización”.

Deste xeito, o proxecto de urbanización ideado dende o Equipo de Goberno, tradúcese na creación dunha nova rúa, coa construción de dúas beirarrúas peonís en ambos lados da Travesía, aproximadamente de 3 metros de anchura cada unha, e unha calzada central de máis de 10 metros de anchura, na que se situan 2 carrís, un para cada sentido, e dúas zonas de aparcamento en liña en ambos lados.

Así mesmo, tamén se está dotando de servizos a todo este tramo de rúa, é dicir, dotándoa de saneamento, pluviais, abastecemento, iluminación pública, rede de baixa tensión e de telecomunicacións.

O proxecto tamén inclúe a colocación de 3 árbores a cada lado, cos correspondentes alcorques, e dous bancos a cada lado.

A actuación de mellora desenvolverase nun total de 68 metros lineais, e conta cun orzamento de 135.845,37 € ive engadido.

 

Mellora da Travesía Celso Emilio Ferreiro

A travesía sobre a que se actúa está situada nunha zona próxima ó centro da cidade e antes do inicio das obras era unha rúa sen pavimentar e que se utiliza de acceso para varias vivendas unifamiliares, así como para os garaxes dun edificio situado na esquina coa rúa Celso Emilio Ferreiro. Ademais, nela aparcan normalmente numerosos vehículos.

O proxecto de mellora, desenvolveuse, en primeiro lugar, levando a cabo a demolición das beirarrúas na acometida coa rúa Celso Emilio Ferreiro e a soleira existente diante dunha das vivendas unifamiliares. Tamén se procedeu ao levantado dunha árbore no encontro coa rúa Celso Emilio Ferreiro e ao desprazamento dun poste de telefonía.

Posteriormente procedeuse á apertura de caixa en todo o ámbito de actuación, cunha profundidade media de 20 cm. A continuación levouse a cabo o recheo e compactado de toda a base con zahorra artificial, nun espesor medio de 20 cm.

Seguidamente realizáronse as gabias necesarias para as redes de abastecemento, saneamento, iluminación pública, baixa tensión e telecomunicacións.

Unha vez terminadas as redes de servizos, procedeuse á colocación do bordo de formigón, con rígola do mesmo material, en ambos os lados da calzada. Seguidamente colocouse a soleira de formigón, de 15 cm. para a posterior colocación das baldosas tamén de formigón nas beirarrúas.

O Alcalde aclarou que “por tratarse dunha rúa nova, sen firme existente, procedeuse ó asfaltado do firme con aglomerado asfáltico, en tres capas de 6 cm. as dúas primeiras, e de 4 cm. a última”.

A calzada resultante terá un ancho fixo de 10 metros e as beirarrúas terán anchos variables dun mínimo de 3 metros, co cal se crea un importante espazo para uso peonil.

Cando levou a cabo a presentación deste proxecto, José Tomé aclarou que o Concello pode acometer a urbanización desta rúa nova, no tramo indicado, porque non se ve afectada polo plano de modificación das normas subsidiarias de planeamento, aprobadas polo Concello no ano 2000, na denominada Zona B, que afecta a diversas zonas por detrás da oficina de Correos, ata a rúa Sarria e desde esta ata Celso Emilio Ferreiro, chegando ata a vía.

“Con este proxecto de mellora da Travesía da rúa Celso Emilio Ferreiro, urbanizamos unha zona importante dentro do casco urbano da cidade, humanizándoa e dotándoa de todos os servizos, incluídas dúas zona de aparcamento, que darán servizo ós seus veciños, e suporá unha mellora moi sensible para eles” explicou o Alcalde.

“Por parte do Concello”, concluíu o rexedor monfortino, “imos seguir traballando para levar a cabo actuacións de melloras moi relevantes para as infraestruturas desta cidade, algo que veño facendo desde o inicio do meu primeiro mandato en 2015, e que sigo incluíndo na miña folla de ruta de acción de goberno ata hoxe”.