O Alcalde acudiu ó concerto de Os Xograres de Lemos na praza de España, dentro do programa do Verán Cultural do Concello de Monforte.

Monforte de Lemos, 22 de agosto de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acudiu ó concerto que na tarde-noite de onte xoves, ofreceron os Xograres de Lemos, e que tivo lugar na praza de España.

No concerto, estivo acompañado polas Concelleiras de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón, o Concelleiro de Medio Ambiente, Servizos e Medio Rural, José Luis Losada e a Concelleira de Consumo, Regina López.

O concerto dos Xograres de Lemos estivo composto por un repertorio de música tradicional, no que as voces, a gaita, a percusión e o acordeón foron os protagonistas. A praza de España encheuse dun público que desfrutou dun amplo repertorio de cancións, unhas coñecidas que forman parte da nosa música tradicional e outras moitas compostas por eles mesmos, e que van incorporando como novidades conseguindo gran aceptación entre o público.

Os integrantes do Grupo de Música tradicional Xograres de Lemos remarcaron, a importancia que ten para eles a oportunidade que lles da o Concello de participar neste tipo de concertos xa que ó non ser profesionais, resultan oportunidades únicas para este tipo de agrupacións, de dar a coñecer o traballo que realizan durante todo o ano e unha oportunidade tamén, de contar con unha posta en escena que valoran de xeito especial, xa que sen o apoio desta iniciativa do Equipo de Goberno, non poderían realizar este tipo de concertos.

O concerto desenvolveuse ata pasadas as 22:30 horas da noite e durante o desenvolvemento do mesmo, o público tivo ocasión de escoitar e bailar co amplo repertorio ofrecido por esta agrupación de Monforte, que sempre consigue que os asistentes participen dos seus concertos de forma activa.

Esta actuación forma parte do programa do Verán Cultural do Concello de Monforte, organizado dende o executivo de José Tomé, e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.