O Alcalde anima á cidadanía a participar mañá na Praza do Concello na concentración do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero

Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2025.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anima a cidadanía a participar no acto central do 25-N, Día Internacional da Eliminación da violencia de xénero, que se conmemora este martes. “Erradicar a violencia de xénero e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga que precisa do compromiso de todas e todos os cidadáns, todos os días do ano”, indica o rexedor. Ademais, esta tarde, o pleno da corporación municipal, na sesión ordinaria do mes de novembro, aprobará unha declaración institucional de rexeitamento e condena da violencia machista.

O acto central do 25-N terá lugar mañá martes na Praza do Concello. Levarase a cabo unha concentración ás 12.00 horas e lectura do manifesto a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade. Posteriormente, desenvolverase a performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo. Esta iniciativa, na que participarán mulleres monfortinas, ten por obxectivo homenaxear ás vítimas de violencia de xénero e a todas aquelas que están a sufrir violencias machistas, así como enviar unha mensaxe clara de repulsa aos agresores e sensibilizar a sociedade sobre a necesidade de erradicar a violencia contra as mulleres sumando esforzos para un futuro en igualdade e libre de violencias.

Ao acto acudirá alumnado de Educación Primaria para facelo partícipe na conmemoración desta data, e tamén se repartirá entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado co lema da Campaña “Monforte  en Negro contra as violencias”.

A campaña de sensibilización programada polo Concello para conmemorar esta data arrincou o luns 10 de novembro cun obradoiro nos centros educativos do municipio e finalizará o 4 de decembro con teatro no Edificio Multiusos. O programa conta cun amplo abano de actividades que inclúe difusión a través de cartelaría específica e pancartas conmemorativas colocadas na Casa do Concello e no Centro Cívico. Así mesmo, colocouse un vinilo no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e de chamamento a asistir á concentración este martes, 25 novembro.

 

Obradoiros educativos

Entre o luns 10 de novembro e o venres 21 desenvolveuse nos centros educativos o obradoiro “Machismo Game Over”, dirixido ao alumnado de 6º de Primaria, co que se pretenden revisar os roles de xénero e construír unha mirada coeducativa e igualitaria a favor do bo trato e contra a discriminación. Esta semana, os días 24, 26, 27 e 28 de novembro lévase a cabo o obradoiro “Desmontando a violencia machista. Pensa. Cuestiona. Responde”, dirixido ao alumnado de 4º ESO. Este obradoiro será impartido pola psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista en igualdade e violencia de xénero. O obradoiro desenvolverase nos CPR Ferroviario, Torre de Lemos e Escolapios, e nos IES Río Cabe e Daviña Rey.

 

Curso de Defensa Persoal Feminina

O Centro Cívico acollerá o  27 de novembro a segunda sesión do curso de Defensa Persoal Feminina para dotar ás mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e capacitalas para previr situacións de violencia de xénero. Esta actividade repite no programa dende hai uns anos pola boa acollida que sempre ten entre as mulleres.

 

Contacontos e teatro

A campaña inclúe tamén actividades culturais dirixidas a sensibilizar ao público a través das artes escénicas. A primeira cita tivo lugar este domingo, 23 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, co Concerto-Contacontos “Cambia o conto”, a cargo do trío Música Miúda.

O xoves 27 de novembro, ás 20.15 horas, e no Edificio Multiusos, terá lugar a cuarta cita co teatro para público adulto organizada polo Concello de Monforte para o último trimestre do ano dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios. Neste caso, a representación está incluída nas actividades do 25-N coordinadas polo CIM do Concello de Monforte.

A compañía Antagonista Teatro presenta a obra “Insubmisa”, escrita por Jose Vaquero, coa dirección de Marta Alonso e Pepe Domínguez. O elenco está formado por Iria Sobrado, Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo.

O xoves 4 de decembro, ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos, e tamén dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración coa Concellería de Cultura, desenvolverase a obra de teatro “Helen Keller, a muller marabilla?”, do Grupo Chévere, escrita e dirixida por Xron. No elenco artístico están Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo.

En ambos casos, o prezo da entrada é de 5 euros para o público xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.