Monforte de Lemos, 26 de novembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia a concesión de axudas a 24 deportistas monfortinos que participaron en competicións nacionais e internacionais. A Xunta de Goberno Local celebrada este luns, 24 de novembro, aprobou a resolución da convocatoria de concesión de bolsas a deportistas individuais de Monforte na tempada 2024-2025.
Estas axudas económicas están dirixidas a aqueles deportistas individuais que, como mínimo, teñan participado no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva durante o período obxecto da presente convocatoria, neste caso, entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
A partida destinada polo Concello a esta liña de axudas é de 10.000€ e o importe máximo da bolsa que se outorga a cada un dos posibles beneficiarios é de 600€. Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, indica que “somos conscientes do esforzo económico que supón a práctica deportiva nas modalidades individuais, e por iso queremos apoiar ós nosos deportistas nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira en moitas disciplinas e que sitúa a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”.
Na presente convocatoria concedeuse a axuda a un total de 24 deportistas que acreditaron os méritos esixidos en seis disciplinas deportivas diferentes: natación, piragüismo, taekwondo, golf, atletismo e tiro olímpico.
Os requisitos esixidos son os seguintes:
- Estar empadroados/as no Concello de Monforte de Lemos dentro do prazo de presentación de solicitudes e, como mínimo, dende o 1 de outubro de 2024.
- Estar federados nalgunha das federacións deportivas galegas ou españolas no período para o que se solicita a axuda, é dicir, entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, e que como mínimo participaran no campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
- Ter participado, como mínimo, en tres probas ou campionatos de carácter oficial, dos cales un deles ten que ser o campionato de España, campionato de Europa ou campionato do mundo propio da modalidade deportiva.
- Estar ó corrente nas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica, así como estar ó corrente das obrigas coa Seguridade Social e co Concello de Monforte.
- Que non estean incursos/as en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e non estar incursos/as nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.
Á hora de realizar a valoración tivéronse en conta os tres mellores resultados conseguidos en competicións oficiais segundo a táboa de valoración establecida, así como a convocatoria no período pola selección galega ou estatal. Enténdese por competicións oficiais as consideradas como tal pola Federación Deportiva correspondente ou pola Administración deportiva dentro do seu ámbito de competencias.
Subvencións a clubs para desprazamentos
Por outro lado, a Xunta de Goberno Local do pasado 17 de novembro aprobou a concesión de sendas axudas ao Club Taekwondo Neka e ao Club Korbis no marco da convocatoria para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a clubs deportivos do Concello de Monforte que participen en campionatos de España, de Europa ou do mundo entre o 14 de outubro de 2024 e o 13 de outubro de 2025. Estas axudas teñen como finalidade sufragar os gastos de desprazamento.
No caso do Club Korbis, a axuda concedida ascende a 1.000€ pola participación no Campionato de España de Voleibol Cadete Feminino, celebrado do 7 ao 11 de maio de 2025 en Zaragoza.
No que se refire ao Club Taekwondo Neka, a subvención concedida ascende a 2.000€ pola participación no Campionato do Mundo de Taekwondo Técnica e Freestyle celebrado do 1 ao 3 de decembro de 2024 en Hong Kong (China).
En resolucións anteriores, dentro da mesma convocatoria recoñecéronse tamén axudas para o Club de Natación de Monforte, de 600 euros, pola súa participación no Campionato de Natación Absoluto de Inverno, celebrado en novembro de 2024. O Club de Taekwondo Neka foi beneficiario dunha subvención por importe de 1.500€ pola súa participación no Campionato de Europa de Taekwondo celebrado en Estonia entre o 12 e o 19 de abril de 2025. Así mesmo, o Club Quixós recibiu 600€ para o Campionato de España JJPP de Slalom e Kayak.