Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anuncia o inicio das obras de renovación do pavimento da rúa Ourense, que suporán a mellora do firme neste vial, un dos máis transitados da cidade por ser unha das principais arterias de entrada ao casco urbano.
Os traballos comezaron este luns, 24 de novembro, co fresado nun dos carrís no entronque da rúa Ourense coa Avenida de Galicia e teñen un prazo de execución de 1 mes. O proxecto foi adxudicado o pasado mes de setembro á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., por un importe de 91.657,50€.
O proxecto consiste no fresado completo da vía e na reposición da capa de rodadura ao longo de 620 metros lineais, cun ancho medio de 8,86 metros. Contempla tamén a renovación da sinalización horizontal, co pintado de marcas viais, símbolos e cebreados. En conxunto, trátase dunha superficie total de actuación de 5.495 m2, entre o entronque coa Avenida de Galicia e a rúa do Río.
Esta iniciativa forma parte do programa de mellora das infraestruturas do Concello impulsado polo Equipo de Goberno, tanto no eido urbano como no medio rural. Neste caso, o Alcalde lembra que a mellora da rúa Ourense “ven motivada polas eivas que dende o Concello detectamos en canto ao desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”.
Arteria de entrada e saída de Monforte
A rúa Ourense é unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, que comunica o centro da cidade coa saída cara Ourense, a través da circunvalación CG-2.1 que leva á N-120, e cara a Ferreira de Pantón, a través da N-120a. Neste senso, o Alcalde destaca que “trátase dunha estrada que conta cun alto volume de tráfico e desde o Equipo de Goberno queremos mantela en bo estado”.
Así mesmo, José Tomé salienta que este proxecto “da continuidade ao desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, e que, neste caso, suporá unha mellora moi significativa deste importante vial”.