O Alcalde anuncia a posta en marcha o vindeiro luns, 15 de decembro, do Bus Rural, o novo servizo de transporte público e gratuíto para a poboación das 26 parroquias

Monforte de Lemos, 10 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou hoxe na Praza do Campo de San Antonio o novo autobús que percorrerá as 26 parroquias do Concello de Monforte, dando servizo de transporte público e gratuíto á poboación do rural do municipio. Tal e como anunciou o rexedor, o Bus Rural entrará en funcionamento o vindeiro luns, 15 de decembro.

A posta en marcha deste servizo público municipal dá cumprimento ao compromiso electoral adquirido polo Alcalde coa poboación monfortina. “O Bus Rural responde á vontade do actual Equipo de Goberno para facer extensible á zona rural un servizo de transporte gratuíto como o que xa temos no núcleo urbano, igualando o tratamento que reciben os veciños e veciñas de Monforte, independentemente de cal sexa o lugar no que residen”, indicou o rexedor. Ademais, engadiu, “contribuirá á loita contra o despoboamento facilitándolle a vida á poboación mais vulnerable e con mais dificultades de mobilidade”.

 

Seis itinerarios para grupos de parroquias

O servizo prestarase en itinerarios para grupos de parroquias con carácter ordinario e gratuíto un día á semana facilitando os desprazamentos da poboación rural cara á cidade para realizar xestións, compras, visitas aos centros sanitarios ou calquera outra necesidade. “A posta en marcha deste servizo é fundamental para mellorar a calidade de vida da poboación rural que en moitas ocasións, ben por idade, por dificultades para desprazarse ou por falta de medios, non pode acceder ao centro urbano para realizar xestións ou compras que son necesarias na vida cotiá”, explicou o Alcalde.

Concretamente, deseñáronse seis rutas de ida e volta, unha por día de luns a xoves, e dúas os venres. Na xornada do venres programouse dobre percorrido para completar o servizo: un para as parroquias de Sindrán, Bascós, Chavaga e Reigada, e outro para A Parte e Valverde.

 

Cumprimento dun compromiso

Na presentación, Tomé incidiu no cumprimento do compromiso adquirido coas parroquias poñendo a disposición da veciñanza este servizo de transporte “público, accesible a todos os cidadáns, moderno, adaptado e que trata a todos por igual porque é gratuíto. Cumprimos coa palabra dada, porque o transporte público forma parte da política social do noso Goberno municipal”.

O servizo garante, polo tanto, a accesibilidade, xa que o autobús que percorrerá as parroquias inclúe unha praza para persoas con mobilidade reducida e válida para cadeiras de rodas, ademais de estar dotado cunha plataforma de acceso e porta dianteira de dobre folla, que facilite a subida ao vehículo de calquera persoa”, subliñou o rexedor.

Neste senso, destacou o “fin social” deste transporte, “que axudará tamén a fomentar e concienciar sobre o uso do transporte público, pasando a ser Monforte unha cidade pioneira en transporte público e gratuíto.”

 

Adxudicado por un período de 10 anos

A prestación deste servizo foi licitada o pasado mes de maio e adxudicada por procedemento público á empresa Palacios Bus SL, con sede en Monforte, por un importe total de  972.759,55€ para un período de execución de  10 anos dende a acta de inicio do servizo.

A financiación corresponde ao Concello de Monforte con fondos propios e conta tamén cunha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de 194.094 euros destinada á posta en marcha do servizo e á sinalización.

 

Principais características do novo Autobús Rural de Monforte

O vehículo que prestará este servizo e que foi presentado hoxe polo Alcalde é un Scania K360C B4X2Ni carrozado por BEULAS, modelo CYGNUS 9.80, de nova adquisición. Ten 9,80 metros de largo e 3,60 metros de alto, é de cor vermella e está rotulado co escudo oficial do Concello de Monforte de Lemos. “Mantemos a cor vermella en sintonía co actual bus urbano, e porque o vermello é historicamente a cor utilizada no transporte público de Monforte”, apuntou o rexedor.

Dispón de 37 prazas sentadas máis unha praza para persoas con mobilidade reducida válida para cadeira de rodas, conta con aire acondicionado e calefacción, e cintos de seguridade. No apartado técnico, trátase dun vehículo diésel con motor de 360 CV e caixa de cambios robotizada de 12 velocidades.

No referente ás características de seguridade, o vehículo inclúe 8 elementos específicos de seguridade de asistencia automática á condución: sinal de parada de emerxencia, monitoreo de presión de pneumáticos, sistema de información de punto cego (advirte ao condutor dunha posible colisión con peóns e/ou bicicletas), sistema de información de marcha atrás, sistema de información de inicio da marcha, dispositivo de bloqueo de alcohol (interfaz estandarizada que evita que o chofer conduza o vehículo en estado de ebriedade), advertencia de condutor somnolento e desatento e asistente de velocidade intelixente (advirte dos excesos de velocidade mediante cámaras e bases de datos de mapas vinculados ao XPS).

 

RUTAS, PERCORRIDOS E PARADAS

O Bus Rural funcionará de luns a venres en días laborables, con hora de inicio ás 8.00 horas na parroquia correspondente e regreso ás 14.00 horas con saída dende o Parque dos Condes. No caso dos venres, establécense dúas rutas 5A e 5B, con horario de saída na ida ás 8.00 e 9.00 horas, respectivamente, e de volta ás 14.00 e 15.00 horas, respectivamente.

 

LUNS RUTA 1

Servizo de ida

Rozavales: Inicio en Salgueiros ás 8.00 horas, con parada en Infesta

Vilamarín: Cruce Peciña, Cruce de Gándara, Local Social e A Pena

Caneda: Cruce da Capela e O Muíño

Santa Mariña: Local Social e Cruce da Solveira

Monforte: paradas en Malvarón, Estación de RENFE, Estación de Autobuses, Hospital Comarcal e finalización da ruta no Parque dos Condes, ás 9.00 horas.

 

Servizo de volta

O mesmo percorrido á inversa con saída ás 14.00 horas dende o Parque dos Conde e chegada a Salgueiros (Rozavales) ás 15.00 horas.

 

MARTES RUTA 2

Servizo de ida

Vilamarín: Inicio en Morade Grande ás 8.00 horas

A Penela: Entrada a Morade Pequeno e Rubina, Campo da Festa, Xunto ao Potro e Fontela

As Nocedas: O Val, A Eirexe e O Campo

Marcelle: Estrada Marcelle

Gullade: Cima de Vila, Entrada a Igrexa e Valdeourense

Guntín: Guntín Souto e A Lama

Piñeira: A Regueira e no Cruce ao Polígono.

Monforte: paradas en Estación de Renfe, Estación de Autobuses, Hospital Comarcal e finalización da ruta no Parque dos Condes, ás 9.20 horas.

 

Servizo de volta

O mesmo percorrido á inversa con saída ás 14.00 horas dende o Parque dos Conde e chegada a Morade Grande (A Penela) ás 15.15 horas.

 

MÉRCORES RUTA 3

Servizo de ida

Distriz: Inicio en Babela ás 8.00 horas, con parada en Cruce Campo da Festa, Cruce pista Local Social e Cruce estrada de Ourense

A Vide: Local Social e Outeiro

Moreda: Moreda Cemiterio, Os Campos, Campo da Festa Igrexa, A Broza e O Castro de Moreda

San Xulián de Tor: Eibedo, Paredes e Cruce da Igrexa

San Xoán de Tor: Cruce estrada de Seoane e Carrouba

Monforte: paradas en Estación de Renfe, Estación de Autobuses, Hospital Comarcal e finalización da ruta no Parque dos Condes, ás 8.45 horas.

 

Servizo de volta

O mesmo percorrido á inversa con saída ás 14.00 horas dende o Parque dos Conde e chegada a Babela (Distriz) ás 14.45 horas.

 

XOVES RUTA 4

Servizo de ida

Chao do Fabeiro: Inicio en Fabeiro (Cruce) ás 8.00 horas, con paradas en Porto de Lobos, Cruce da Ermida, O Mato e San Martiño

Fiolleda e Baamorto: Marexe, Vilamaior, Pallares, Cruceiro, San Mamede, Figueira, San Cosme, Pol, Cinsa I e Cinsa II

Seoane: Campolongo, Seoane centro e Cruce de Seoane xunto as cantinas.

Monforte: paradas en Estación de Renfe, Estación de Autobuses, Hospital Comarcal e finalización da ruta no Parque dos Condes, ás 9.00 horas.

 

Servizo de volta

O mesmo percorrido á inversa con saída ás 14.00 horas dende o Parque dos Conde e chegada a Fabeiro (cruce) ás 15.00 horas.

 

VENRES RUTA 5 (RUTAS A E B)

RUTA 5A

Servizo de ida

Sindrán: Inicio en Local Social ás 8.00 horas

Bascós: Carranchousa e Local Social

Chavaga: Ríos

Reigada: Mourelos As Fontes, Reigada Campo da Festa e Reigada Centro

Monforte: paradas en Estación de Renfe, Estación de Autobuses, Hospital Comarcal e finalización da ruta no Parque dos Condes

 

Servizo de volta

O mesmo percorrido á inversa con saída ás 14.00 horas dende o Parque dos Conde e chegada a Local Social (Sindrán).

 

RUTA 5B

Servizo de ida

A Parte: Inicio en Proveiros Local Social ás 9.00 horas, con parada en Camporrío e xunto a Casa Farmacéutica.

Valverde: Fronte a Igrexa e Escouredo

Monforte: paradas en Estación de Renfe, Estación de Autobuses, Hospital Comarcal e finalización da ruta no Parque dos Condes, ás 9.30 horas.

Servizo de volta

O mesmo percorrido á inversa con saída ás 15.00 horas dende o Parque dos Conde e chegada a Proveiros Local Social (A Parte) ás 15.30 horas.

 

Estes horarios son sempre aproximados xa que, entre outras cousas, dependen das circunstancias diarias do tráfico. En toco caso, haberá sinalización en todas as paradas con indicativos do Bus Rural e detalle das paradas e os horarios. Ademais, o autobús conta con conexión WIFI gratuíta e puntos de recarga USB para dispositivos electrónicos. Así mesmo, os usuarios poden coñecer en todo momento a posición do Bus Rural descargando a aplicación Locatel introducindo o usuario BUSRURAL e o contrasinal RURAL2025.

Con todo, o Alcalde manifestou que este servizo de transporte será flexible e dinámico “evolucionando segundo as necesidades”.