Monforte de Lemos, 1 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Rajo e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, visitaron onte pola mañá a Praza de Abastos de Monforte para fomentar o comercio de proximidade dentro da promoción realizada coa campaña internacional Quere o teu mercado, á que se sumou o Concello de Monforte e que se celebrou este sábado 31 de maio na propia Praza de Abastos da cidade.
“Con esta iniciativa”, destacou o Alcalde, José Tomé Roca, “dende o Concello de Monforte, sumámonos ás que xa levamos realizando dende hai anos, para fomentar as compras no pequeno comercio de proximidade, que é o que se realiza, neste caso, na Praza de Abastos da nosa cidade”.
Neste senso, o rexedor monfortino indicou que “as prazas de abastos, a través de canles cortas de comercialización, garanten a calidade dos produtos alimentarios galegos, e nelas únese tradición e modernidade, a través da profesionalidade dos seus praceiros e praceiras”.
Degustación de produtos locais.
Como parte da promoción, dende o Concello de Monforte, organizaron unha degustación de produtos locais provintes dos praceiros: queixos e embutidos, empanadas, e petiscos de coidada elaboración, acompañados de viños da D.O. Ribeira Sacra, coa que se pretende animar aos monfortinos a que compren os seus produtos na Praza de Abastos municipal, polo valioso papel dinamizador e revitalizador que xogan os mercados municipais dos centros urbanos, facilitando, ademais, a compra de alimentos frescos ó lado da casa.
Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada e unha garantía tamén de obter produto fresco e galego así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos que garante unha dieta equilibrada e saudable.
Durante o evento, as persoas asistentes puideron gozar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos da praza, acompañado con viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ademáis, fíxose entrega das Bolsas de tea da campaña “Quere o teu mercado” da Dirección Xeral de Comercio.
Con esta iniciativa, dende o Concello de Monforte, reafirman o seu compromiso co impulso do pequeno comercio local, promovendo as compras de proximidade e poñendo en valor os produtos da praza de abastos, que consideran un exemplo de equilibrio entre tradición e modernidade, onde a profesionalidade de praceiros e praceiras contribúe a ofrecer un servizo de calidade á veciñanza.