Monforte de Lemos, 27 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu na tarde noite de hoxe ao tradicional Concerto de Corais de Nadal do Concello de Monforte que tivo lugar na Casa da Cultura Lois Pereiro, ás 19.00 horas. O recital correu a cargo da Coral Polifónica Concello de Monforte e da Coral Polifónica de Chantada, que interpretaron un variado e completo programa musical de pezas tipicamente navideñas.
No concerto, o rexedor estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada; Cultura, Marina Doutón, e Consumo, Regina López.
O Concerto de Corais é unha das citas tradicionais do programa de Festas de Nadal do Concello de Monforte e foi seguido por un numeroso público que encheu o salón de actos da Casa da Cultura. Baixo a dirección de Marcos Fernández Varela, a Coral Polifónica de Chantada interpretou seis pezas, entre as que se incluíron o “Ave verum corpus”, de Mozart, “Aló entre as pallas”, de A Quenlla e “Voa o aire”, de Xabier Díaz. A Coral Polifónica Concello de Monforte, dirixida por Fernando Sanmartino, presentou tamén un repertorio de seis temas con clásicos como “25 de decembro” ou “A Belén vinde pastores”, finalizando cun popurrí de panxoliñas.
Finalmente, e para despedir o Concerto de Corais de Nadal 2025 do Concello de Monforte, as dúas corais interpretaron conxuntamente “Adeste Fideles”, de Reading.
O Alcalde fixo entrega dun agasallo institucional á Coral Polifónica de Chantada, que se achegou a Monforte para protagonizar este concerto de Nadal xunto á Coral Polifónica monfortina.