O Alcalde asiste ao concerto de Deloreans na rúa Cardeal, dentro do programa das Festas de Nadal

Monforte de Lemos, 27 de decembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu este venres ao concerto de Deloreans na zona peonil da rúa Cardeal, á primeira das dúas actuacións musicais a cargo de grupos monfortinos programadas polo Concello de Monforte nestas Festas de Nadal. O rexedor estivo acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada; o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e a Concelleira de Comercio, Regina López.

 

Vindeira cita, o 2 de xaneiro con Malenne

A música en directo a cargo dos grupos monfortinos voltará á rúa Cardeal o 2 de xaneiro de 2026, ás 20.30 horas, coa actuación de Malenne.

O Alcalde destaca a aposta do Equipo de Goberno por darlle protagonismo aos grupos locais coa idea de visibilizar o seu importante traballo creativo: “Queremos poñer en valor aos nosos grupos, que ademais contan cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”, apunta José Tomé. O rexedor incide ademais na aposta pola dinamización das rúas durante estas festas, potenciando con esta animación as compras no comercio local.

A colaboración do Concello de Monforte cos grupos locais é constante, sendo tamén protagonistas do Verán Cultural a través dun ciclo de concertos en diferentes espazos da cidade que se desenvolve durante os meses de agosto e setembro.