O Alcalde celebra a inversión de 3,5 millóns de euros na reforma integral do Parador anunciada hoxe en Monforte pola Presidenta de Paradores, Raquel Sánchez

Monforte de Lemos, 12 de novembro de 2025. O Alcalde, José Tomé Roca, celebra a inversión de 3,5 millóns de euros na reforma integral do Parador de Monforte de Lemos anunciada no día de hoxe pola Presidenta de Paradores de Turismo, Raquel Sánchez, nunha visita ao establecemento hostaleiro situado no conxunto monumental de San Vicente, na que estivo acompañada polo Alcalde de Monforte e polo Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. A actuación anunciada ten como obxectivo modernizar as instalacións, mellorar a eficiencia enerxética e conservar o valor patrimonial deste monumento, un dos máis emblemáticos da Ribeira Sacra.

 

Previamente, a Presidenta, acompañada polo Delegado do Goberno en Galicia, visitou o Casa Consistorial de Monforte, onde foi recibida polo Alcalde e a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e firmou no Libro de Honra do Concello. Nesta xuntanza institucional, o rexedor agradeceu a inversión comprometida para o Parador, “xa que elevará o atractivo deste establecemento hostaleiro na capital da Ribeira Sacra, e supón unha oportunidade para Monforte e tamén para Paradores”.

Neste senso, o rexedor aproveitou para pedirlle á Presidenta a apertura do Parador de Monforte durante todo o ano e a designación dun director ou directora único para o centro, xa que na actualidade esta responsabilidade é compartida co Parador de Santo Estevo, en Ourense. “Pola condición de cidade de Monforte, por capital da Ribeira Sacra e por historia, o Parador de Monforte merece que se estude a posibilidade dunha apertura todo o ano, e que conte cunha dirección singular, propia ou compartida dentro da provincia, pero non con provincias distintas, o que significaría potenciar máis este Parador”, indicou José Tomé.

 

Reforma integral

Paradores de Turismo acometerá unha reforma integral no histórico establecemento de Monforte de Lemos co obxectivo de modernizar as súas instalacións, mellorar a eficiencia enerxética e conservar o valor patrimonial do conxunto monumental, un dos máis emblemáticos da Ribeira Sacra. Os traballos, que comezarán en xaneiro e prolongaranse durante arredor de cinco meses, permitirán ofrecer unha experiencia máis confortable, accesible e sostible aos visitantes.

Raquel Sánchez destacou que este establecemento, convertido nun dos grandes símbolos da Ribeira Sacra e do patrimonio cultural galego, “encarna a esencia mesma do que representa Paradores: os nosos establecementos son moito máis que simples edificios; son gardiáns da historia, da cultura e da alma dos lugares onde se alzan”. Asegurou que esta actuación constitúe “unha aposta polo futuro do Parador de Monforte de Lemos e polo seu papel como motor turístico e cultural de Galicia”. “Queremos seguir sendo unha referencia para a Ribeira Sacra e un punto de orgullo para todos os galegos e galegas. E por iso, en Paradores estamos a investir en Galicia”, manifestou.

As actuacións suporán un investimento global de 3,5 millóns de euros entre as achegas da cadea hostaleira pública e de Turespaña. Paradores destina unha partida de 1,9 millóns de euros para reformar as instalacións xerais de auga sanitaria e climatización, dotando ao Parador dun sistema adaptado ás necesidades do edificio, confortable e eficiente, e para renovar o cableado.

Ademais, unha vez finalicen as obras de instalacións, acometerase o proxecto de interiorismo para redecorar as zonas comúns e as habitacións, con renovación de téxtiles e pantallas de lámpadas, e complementarase cun proxecto artístico que incluirá a adquisición de nova obra, achegando valor engadido ao conxunto. Estas actuacións suporán unha mellora significativa no confort e a experiencia dos clientes.

Así mesmo, para mellorar a accesibilidade, investiranse máis de 200.000 euros na modernización dos baños e na conversión das bañeiras en duchas, ademais de facer un estudo de accesibilidade universal a partir do ano que vén.

“Queremos que o Parador de Monforte sexa un emblema desta preciosa cidade, non só polo seu enclave e a súa historia, senón por ser sostible, accesible e preparado para responder as expectativas do viaxeiro actual, sen perder a esencia e o respecto pola historia dos nosos edificios. Por iso, esta renovación non se limitará ás instalacións.  Queremos que, unha vez reabra as súas portas, o Parador luza unha imaxe renovada e acorde con todo o que este edificio simboliza”, declarou a Presidenta.

Preservar o patrimonio histórico-artístico

Pola súa banda, Turespaña inxectou 1,5 millóns de euros no establecemento, destinados a traballos de conservación en distintas zonas do conxunto monumental. Así, fíxose cargo da reforma da cuberta do edificio do Palacio de Alba, coa mellora do acceso á mesma para o seu mantemento, así como a limpeza das fachadas nas zonas afectadas por vexetación. Tamén vai realizar a restauración do antigo mosteiro, con intervención nas fachadas do edificio histórico e do Claustro, a conservación e mellora do sistema de acceso na escaleira principal e a restauración do tramo norte da muralla para garantir a súa conservación e poñer en valor parte deste elemento defensivo. Finalmente, vai mellorar a iluminación das murallas e das fachadas exteriores e do Claustro con criterios de iluminación monumental, eficacia e eficiencia enerxética, tendo en conta o uso hostaleiro.