Monforte de Lemos, 1 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e á directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, Carmen José López, entregou hoxe os diplomas acreditativos e certificados de formación ós 20 alumnos e alumnas que participaron no Obradoiro de emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela II” que se desenvolveu durante nove meses, desde o mes de decembro de 2024 a agosto de 2025, nas instalacións da Escola Obradoiro da Pinguela.
Nesta edición recibiron formación teórica e práctica 20 alumnos nun obradoiro que conta con dúas especialidades, albanelaría e carpintería, e que finalizaron a formación polo que tamén obtiveron o certificado de profesionalidade nas dúas especialidades. “O obxectivo é formar profesionais que hoxe están moi demandados, para facilitar a inserción laboral ou ben o autoemprego”, suliñou o alcalde.
O rexedor municipal apuntou tamén que “con este obradoiro de emprego, que está promovido polo Concello de Monforte, creamos 24 postos de traballo durante 9 meses; o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas (12 de albanelaría e 8 de carpintaría) 2 docentes, unha directora e unha administradora, cun investimento de máis de catrocentos mil euros procedentes de fondos estatais, autonómicos e municipais”.
En concreto, conta cun orzamento de 417.928€ partida que procede de fondos Estatais (do SEPE, Servizo Público de Emprego Estatal), autonómicos e municipais. Concretamente, o Concello de Monforte destinou 120.000 euros a este obradoiro, 38.470 euros máis que en 2024, un 32% máis.
Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela II
O Concello de Monforte de Lemos ven emprendendo unha serie de actuacións de mellora das instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela da súa titularidade, sitas na estrada de rúa Sober, s/n. Con dito fin, nunha primeira fase desenvolveuse o Obradoiro de Emprego Dual “Renovación Naves Escola Obradoiro A Pinguela”, no período de novembro 2023 a novembro 2024, e agora clausurase o Obradoiro de Emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela II”.
O obxectivo foi proseguir actuando nas referidas instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela, incidindo, desta vez, nas edificacións nas que ata o de agora non se actuara e no acondicionamento e mellora de urbanización de diferentes espazos dos accesos exteriores e do interior do recinto.
Complementando o contido formativo do obradoiro, contémplouse ademais a actuación sobre varios elementos do mobiliario urbano en mal estado de conservación, nos que urxe actuar para a súa conservación. En concreto, abordouse a restauración de bancos, papeleiras, xardineiras e outros elementos urbanos.
O Alcalde lembrou que “unha vez rematados ambos obradoiros, dende o Concello de Monforte temos o compromiso de inserción de alumnos en empresas que precisen contratar a traballadores durante un mínimo de tres meses. Para elo, darémoslle ás empresas un incentivo á contratación de 1.500 € por alumno e empresa, para favorecer a inserción laboral destes programas no mercado de traballo.”
Así, con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado.
O rexedor monfortino pechou a súa intervención felicitando ós participantes nos obradoiros polo bo traballo desenvolto ó longo do ano, e desexoulles sorte na súa incorporación ó mercado laboral.
Instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela
As actuacións que se levaron a cabo nas instalacións da Escola Obradoiro, son as seguintes:
- Rehabilitación do alpendre anexo polo sur á nave do taller de cantería.
- Rehabilitación do almacén auxiliar do extremo nordés da instalación.
- Construción de soportal de madeira nas entradas dos módulos das aulas (módulos 1, 3 e 4).
- Acondicionamento de espazos libres do interior da parcela.
Espazos e mobiliario urbanos
As actuacións que se levarán a cabo en espazos e en mobiliario urbano, son as seguintes:
- Restauración de mobiliario urbano municipal (bancos, papeleiras, xardineiras,...).