O Alcalde da a coñecer o Programa Deportivo de Verán, que oferta 514 prazas para este ano 2025

Monforte de Lemos, 11 de maio de 2025. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé, quere dar a coñecer aos veciños de Monforte, o  “Programa Deportivo de Verán do Concello de Monforte 2025”, que ten aberto a prazo de matrícula a partir do próximo luns, día 12 ata o 21 de maio.

Esta nova edición do Programa Deportivo de Verán conta con tres actividades deportivas:

  • O Campamento Deportivo de Verán.
  • O XIX Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo.
  • Curso de Tenis

O Alcalde salientou que “dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas cada ano, especialmente no período estival, ademais para ofrecer ós nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida e saudable”.

Requisitos de inscricións

No que se refire á inscrición no Programa Deportivo de Verán, mantéñense os requisitos e procedemento do ano 2024:

En primeiro lugar, para poder participar será requisito imprescindible estar empadroados/empadroadas no Concello de Monforte. No caso de que o neno/a non estea empadroado/a no Concello de Monforte poderá participar se está empadroado algún dos seus proxenitores (pai ou nai) ou algún dos seus avós.

En segundo lugar, as persoas interesadas en participar no Campamento Deportivo de Verán 2025 deberán facer unha solicitude de preinscrición a través do rexistro xeral do Concello de Monforte (ben presencial ou electrónico) entre o 12 e o 21 de maio de 2025.

E en terceiro lugar, as solicitudes poderán presentarse de xeito individual ou múltiple. Poderán presentar unha solicitude múltiple para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que soliciten idéntica/s quenda/s.

Isto suporá que no momento en que obteña a praza un dos irmáns ou irmás inscritos, os demais irmáns/irmás tamén obterán praza nesa mesma quenda. Así, mantemos o carácter conciliador da actividade, facilitando que todos os irmáns e irmás poidan acudir xuntos ás actividades ofertadas.

 

CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN

O Campamento Deportivo de Verán desenvolveranse, por quinto ano consecutivo, nun período de tempo máis amplo do habitual, do 1 de xullo ao 14 de agosto.

Deste xeito, ó igual que nos últimos anos, serán tres quincenas, cun total de 32 días de actividade, “polo que quero resaltar que facemos un esforzo considerable, polo ben das familias e dos nenos e nenas de Monforte” subliñou Tomé.

Cabe recordar que ata o 2024, establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade. Polo tanto, isto quere dicir que en 2025 mantense a duración dos campamentos de verán nun aumento nun 30% de días ofertados.

A distribución das 3 quendas será a seguinte:

  • A primeira, do 1 ó 15 de xullo.
  • A segunda do 16 ó 31 de xullo.
  • E a terceira, do 1 ó 14 de agosto, sempre de luns a venres, non festivos, de 10 a 14 horas.

 “O Alcalde de Monforte decide continuar ofertando as 3 quendas para dar así un servizo que chegue a moitas máis persoas, dada a súa demanda” indicou Prada.

O número total de prazas ofertadas é de 360, e por quenda será de 120 prazas distribuídas en 12 grupos de traballo, o que establece unha ratio de 10 alumnos/as por monitor/a.

Das prazas ofertadas por quenda, reservanse 6 prazas para persoas con discapacidade superior ou igual ó 33% e 8 prazas que se poñen a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte.

As actividades ofertadas, como en pasadas edicións combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas.  As actividades levaranse a cabo na área deportiva da Pinguela.

Nos campamentos poderán participar nenos e nenas de entre os 5 e os 12 anos de idade, que poderán realizar a preinscrición no Rexistro presencial ou telemático do Concello, a partir deste luns 12 de maio e ata o 21 de maio de 2025.

O 26 de maio publicarase o listado de persoas preinscritas, e do 27 ó 30 de maio, abrirase o período de emenda de solicitudes, que deberá facerse tamén a través do Rexistro do Concello. No caso de ser necesario, haberá un sorteo de prazas o día 4 de xuño. E o 6 de xuño será publicada a lista de persoas admitidas e lista de agarda.

A matrícula definitiva efectuarase entre o 9 e o 20 de xuño e poderá facerse de dous xeitos:

  • Enviando toda a documentación requirida por correo electrónico ao enderezo: deporte.veran@concellodemonforte.com
  • Presentando toda a documentación requirida nas Oficinas Municipais de Deportes e Xuventude, sita nas Casitas da Compañía.

O custe da actividade será ó igual que en pasadas edicións de 51,75€ por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28€ para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ó seu campamento, xa que, ó igual que outros anos, síguese ofertando o servicio de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50% de desconto.

“Dende o Concello, facemos ano a ano un esforzo moi importante non so para poder manter a celebración destes Campamentos Deportivos de Verán, senón tamén para mellorar e aumentar o número de días, de actividades e de prazas ofertadas, para facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”, subliñou a Alcalde.

XIX CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE – R.C. CELTA DE VIGO

A actividade de este Campus, que con esta suma xa 19 edicións, celebrarase entre o 28 de xullo e o 1 de agosto no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas.

Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que, de igual xeito que para o Campamento Deportivo, poderán realizar a súa preinscrición través do rexistro xeral do Concello de Monforte (ben presencial ou electrónico)., entre o 12 e o 21 de maio.

O número de prazas ofertadas será de 100, que se distribuirán en 6 grupos de traballo O custe da actividade será de 26,91€ e as familias numerosas terán un desconto do 50%.

Ó igual que no caso do Campamento Deportivo de Verán, será requisito indispensable estar empadroados/empadroadas no Concello de Monforte. No caso de que o neno/a non estea empadroado/a no Concello de Monforte poderá participar se está empadroado algún dos seus proxenitores (pai ou nai) ou algún dos seus avós. Tamén será posible a inscrición de xeito individual ou múltiple (de 2 a 4 irmáns ou irmás).

Os prazos de matrícula serán os mesmos que no caso do Campamento Deportivo de Verán.

CURSOS DE TENIS

Os cursos de tenis, que foron incluídos por primeira vez no ano 2022, desenvolveranse 1 de xullo e o 14 de agosto, distribuídos en 3 quendas, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo e do 1 ao 14 de agosto.

Establécense un máximo de 3 grupos de actividade por quenda. O número de prazas de cada un dos grupos será de 6 persoas.

O horario das clases en cada unha das quendas será os martes e xoves non festivos (clases de 1 hora de duración a partir das 10:00 h.)

O custe da actividade é de 20,70 €. As familias numerosas terán un desconto do 50 %

O lugar de celebración serán as Pistas Municipais de tenis da Pinguela

Dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que se ofertan para persoas empadroadas en Monforte, cos mesmos prazos que o Campamento Deportivo de Verán.

EN RESUMO, o número total de prazas ofertadas é o seguinte:

  • Campamento deportivo de verán: 360
  • Campus de fútbol: 100
  • Cursos de tenis: 54

Cun total de 514 prazas.

“En definitiva, dende o Equipo de Goberno do Concello, facemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destes Campamentos de Verán, así como do Campus do Celta e a oferta de cursos de tenis. O obxectivo é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan desfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan” tal e como explicou o Alcalde.

PREINSCRICIÓN XERAL INDIVIDUAL CAMPAMENTO 2025

PREINSCRICIÓN INDIVIDUAL CAMPUS FÚTBOL 2025

PREINSCRICIÓN DISCAPACIDADE INDIVIDUAL CAMPAMENTO 2025

PREINSCRICIÓN XERAL MÚLTIPLE CAMPAMENTO 2025

PREINSCRICIÓN MÚLTIPLE CAMPUS FÚTBOL 2025

PREINSCRICIÓN DISCAPACIDADE MÚLTIPLE CAMPAMENTO 2025

PREINSCRICIÓN INDIVIDUAL TENIS 2025

PREINSCRICIÓN MÚLTIPLE TENIS 2025

INSTRUCIÓNS INSCRICIÓN E ASIGNACIÓN DE PRAZAS PDV 2025