
Monforte de Lemos, 26 de maio de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, entregou na tarde de hoxe os premios correspondentes ó XXXII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte, a través da súa Concellería de Cultura, e que se celebrou dende o 6 ata o 20 de maio no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e no salón de actos do Multiusos.
Tras o visionado dun vídeo resumo das actuacións dos diferentes centros educativos participantes, o rexedor monfortino fixo entrega a cada un dos representantes de ditos centros da gravación, nun lapis de memoria personalizado con logo do Concello e o nome do certame, das obras representadas, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.
Participaron no certame un total de seis centros de ensino da cidade e unha asociación, todos eles recibiron un diploma pola súa participación e un DVD coa gravación da obra representada polo seu centro. Os centros educativos que recibiron o galadón foron:
- CEIP de Monforte, coa obra “Ser diferente”.
- Colexio P. Ferroviario, coa obra “Matilda”.
- IES A Pinguela, coa obra “Asasinas a soldo”.
- IES Río Cabe, coa obra “Xespirando, xoguete cómico para todes”.
- CEIP A Gándara, coa obra “A muralla”.
- ANPA CEIP A Gándara, coa obra “Lingua viva”.
- Colexio PP. Escolapios, coa obra “A pantasma de Canterville”.
Dende o Concello, destácase que as obras escenificadas resultaron un éxito tanto pola asistencia de público, como pola calidade interpretativa dos alumnos e a
orixinalidade e detalles dos decorados, para cuxa elaboración, resultou fundamental a implicación dos pais e nais dos rapaces.
Os asistentes que acudiron ás distintas representacións, saían satisfeitos das actuacións dos rapaces e rapazas, e os centros educativos tamén quedaron moi satisfeitos do traballo realizado pola comunidade educativa e polos alumnos e alumnas.
O Certame de Teatro para Centros de Ensino de Monforte de Lemos organizado pola Concellería de Cultura, e que conta coa colaboración da Deputación de Lugo no Plan Deputación 2025 de Cooperación cos Concellos, é unha das actividades culturais que leva máis anos realizándose neste Concello, xa que xunto cos centros de ensino da cidade se convoca dende o ano 1991. Ten, edición tras edición, un grande éxito en moi diferentes facetas entre as cales salientan a alta e entusiasta participación de nenos e nenas dos diferentes centros e a masiva presenza de público nas representacións teatrais.
O Concello busca a través do certame desenvolver as potencialidades artísticas e técnicas do alumnado e das persoas que o orientan, fomentando a convivencia, a tolerancia, a cooperación e a solidariedade.
A realización desta actividade non sería posible sen o apoio incondicional dos equipos directivos dos centros de ensino e dos seus profesores, en moitos centros formáronse aulas de teatro como actividade extraescolar, que coa súa implicación e enorme traballo logran estes magníficos resultados.


